A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, visitaron este mércores as instalacións municipais de Frigsa nas que traballan as brigadas de obras, sinalización viaria, eléctricos, parques e xardíns, parque móbil e zona rural.
A visita tivo como obxectivo coñecer o funcionamento destes servizos e avanzar nun proceso de reorganización orientado a mellorar a coordinación dos traballos de mantemento na vía pública.
Segundo informou o goberno local, a reorganización suporá a unificación das dúas brigadas municipais de reparación viaria existentes ata o momento nun único servizo coordinado. Unha destas brigadas dependía da anterior área de alcaldía do PSOE e a outra da área de Obras do BNG.
O executivo municipal sinala que esta medida busca incrementar a eficacia dos servizos, optimizar os recursos dispoñibles e ofrecer unha resposta máis rápida ás incidencias na cidade.
A nova estrutura coordinará baixo unha mesma dirección actuacións relacionadas con baches, beirarrúas, sinalización viaria e pequenas reparacións.
Durante a visita, a alcaldesa indicou que a reorganización pretende “evitar duplicidades, mellorar a coordinación e conseguir que os servizos municipais funcionen dunha maneira máis eficaz e útil para os veciños”.
Ademais, o goberno local destacou que outro dos obxectivos da medida é mellorar a planificación dos traballos e reducir os tempos de resposta ante incidencias que afectan ao día a día da veciñanza.






