O Concello de Mondoñedo adxudica a obra de rehabilitación do campo de fútbol municipal Viñas da Veiga

O Goberno local de Mondoñedo vén de adxudicar a obra de rehabilitación do campo de fútbol municipal Viñas da Veiga que contará cun orzamento de 34.939 euros e un prazo de execución de tres meses. A actuación dará comezo despois das festas locais de San Lucas.

A intervención foi adxudicada a unha empresa local logo de que a xunta de Goberno municipal do dia 13 de xullo aprobase a memoria e acordase solicitar as autorizacións oportunas. O Goberno local conta ademais con ditame favorable emitido polo comité asesor do Camiño de Santiago con data de 29 de setembro, sendo xa notificado o adxudicatario o pasado 5 de outubro.

As obras levaranse a cabo para solucionar os problemas de filtracións e de humidades existentes principalmente na cuberta da grada principal, onde os canóns se atopan completamente rotos e existen problemas de corrosión na chapa da cuberta e na estrutura que a sustenta.

A alcaldesa, Elena Candia, subliña que se trata dunha “actuación integral” que permitirá mellorar de xeito notable as instalacións e, polo tanto, o seu uso por parte de xogadores e afeccionados. En concreto, as obras inclúen a reparación dos pilares de formigón armado que sustentan a cuberta da tribuna, que actualmente presentan problemas de corrosión nas armaduras. Tamén se vai reparar a corrosión da chapa ondulada de aceiro que fai de cuberta, así como a corrosión da estrutura metálica que terma da cuberta de tribuna, ademais de aplicar unha pintura de protección.

Ao mesmo tempo, limparanse todos os parámetros de peche e faranse as reparacións puntuais oportunas na gradaría referentes a gretas ou desconchados. Completa a actuación o pintado dos muros de peche do campo tanto no interior como exterior así como a gradaría e os bancos e limparase con auga a presión todas as soleiras de formigón que bordean o recinto.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com