O Concello de Outeiro de Rei acolle a exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López

Tivo lugar na Casa da Cultura de Outeiro de Rei a presentación da exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; a viúva do escritor, Irene López, seu fillo, Santiago Rodríguez, e o presidente del Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido polo Colectivo Egeria, GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega.

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran  Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com