" />

O Concello de Vilalba anuncia un cribado Covid-19 os días 11, 13 e 15 deste mes

O Concello de Vilalba anunciou onte a realización dun cribado de COVID-19 na localidade, dada a situación epidemiolóxica da zona, a próxima semana. O cribado realizarase na entrada do Auditorio Municipal de Vilaba os días martes 11, xoves 13 e sábado 15 de xaneiro. O horario para realizalos será de 16:00 a 20:00 nesas tres xornadas.

O test, organizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en colaboración co Concello, será de tipo antíxenos e salivar. Poderán presentarse voluntarias todas aquelas persoas da Terra Chá, sen residir necesariamente en Vilalba.

As persoas participantes deberán acudir co seu DNI, no caso dos menores que non teñan dito documento, poderán levar a súa tarxeta sanitaria. O procedemento do test comezará coa recollida de datos para rexistro por parte dos equipos sanitarios. A continuación, realizarase a proba ao voluntario/a.

Os resultados enviaranse por SMS. No caso de ser positivo, contactarase por teléfono para indicar as normas a seguir. Dende o Concello de Vilalba sinalan que a alcaldesa, Elba Veleiro, solicitou á Xunta de Galicia a realización dun cribado o pasado día 23 de decembro. O obxectivo era realizar o cribado antes das datas clave de Nadal, xa que nese momento se detectaba un notorio aumento de casos.

“Solicitamos á Xunta de Galicia este cribado hai máis de dúas semanas, dado que nese momento os contaxios estaban comezando a aumentar. O noso obxectivo era realizar os tests antes das reunións de Nadal, para previr contaxios”, sinala Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba.

“Os tests da próxima semana permitirán que detectemos os casos xurdidos estes días, pero o adecuado sería que a Xunta os realizase antes das datas importantes do Nadal, cando o pedimos dende o goberno local”, engade. Co obxectivo de limitar ao máximo os contaxios, “espero que a cidadanía de Vilalba continúe extremando a precaución”, sinala a alcaldesa. “Tamén agardo que a cidadanía mostre a súa habitual colaboración e participe neste cribado, co fin de detectar os posibles casos positivos”, engade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo