A área de Cohesión Social do Concello de Lugo levará á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases reguladoras, a autorización do gasto e a apertura das convocatorias públicas 2025 das dúas liñas de axudas para favorecer a mobilidade accesible e reforzar o servizo de taxi adaptado no municipio.
As medidas, que se desenvolven no marco do convenio municipal co Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) e coa Fundación ONCE, destinan 19.000 euros a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade e a apoiar aos profesionais que prestan este servizo esencial.
A primeira das convocatorias, dotada con 5.000 euros, está dirixida a persoas empadroadas en Lugo cunha antigüidade mínima dun ano, que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e mobilidade reducida segundo o ditame técnico correspondente.
Tamén deberán cumprir un límite de renda máximo equivalente a 2,25 veces o IPREM anual, conforme establecen as bases. Cada beneficiario poderá recibir ata 800 euros anuais, ou 1.000 euros no caso de persoas empadroadas nas parroquias rurais.
Os desprazamentos subvencionables deberán realizarse dentro do termo municipal, aínda que se admitirán viaxes excepcionais xustificadas por motivos médicos, xudiciais ou educativos. O prazo de solicitude será de 15 días hábiles a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia.
A segunda liña de axudas, cun orzamento de 14.000 euros, está destinada aos titulares de licenzas de taxi adaptado que presten servizo no termo municipal de Lugo.
As subvencións cubrirán gastos de mantemento, reparación, adaptación, mellora e seguros dos vehículos accesibles, así como outros custos asociados á súa posta en servizo.
O importe máximo por beneficiario será de 3.000 euros e prevese o pagamento anticipado do 50 % da subvención sen necesidade de aval, co resto condicionado á xustificación das actuacións.
As bases recollen tamén a obrigatoriedade de manter o servizo activo en condicións óptimas, incluíndo a cobertura de quendas nocturnas, de fin de semana e festivos, para garantir a dispoñibilidade continua do servizo adaptado. O prazo de solicitude será de 15 días hábiles desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia, e a xustificación deberá presentarse antes do 1 de xaneiro de 2026.




