O Concello inicia o Plan de Barrios coa reurbanización da rúa Torre de Doncos

O goberno municipal vén de anunciar o inicio da execución do Plan de Barrios, contemplado nos Orzamentos deste ano cun presuposto total de 2,5 millóns de euros, e que arrancará nas Gándaras coa reurbanización integral da rúa Torre de Doncos. Segundo explicou a rexedora, a Xunta de Goberno abrirá mañá o proceso de contratación das obras aprobando tanto o proxecto técnico, como os pregos de cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación e o gasto.

Os traballos contan cun investimento superior aos 176.000€ e consisten na renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas (que pasarán a ter 1,5 metros en cada marxe), unha modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes, a substitución das redes de saneamento e abastecemento, a dotación de novo alumeado, que levará consigo o soterramento do cableado e a instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa, e a sinalización horizontal e vertical.

Unha vez publicada a convocatoria no Perfil do Contratante, abrirase un prazo de 20 días naturais para presentar ofertas. As obras deberanse acometer en 4 meses. A Alcaldesa subliñou que esta é a primeira obra que sae a licitación das que o Goberno desenvolverá a través do Plan de Barrios, no marco do cal ten a día de hoxe contempladas outro medio cento de actuacións en todos os barrios da cidade, tanto de pavimentación, como de humanización, renovación de redes de abastecemento e saneamento, accesibilidade e dotación de mobiliario urbano.

A rexedora destacou que con este plan, “contribuímos ademais a reactivar os barrios, conscientes de que foi onde máis se resentiron os investimentos durante os anos de maior dureza da crise”. Ao mesmo tempo, “permite cubrir o mellor e máis áxil posible as necesidades dos veciños e veciñas, mellorando de maneira directa a súa calidade de vida, e materializar as propostas aprobadas pola Corporación no Pleno”.

A alcaldesa incidiu ademais que a posta en marcha do Plan de Barrios súmase aos proxectos que o Goberno activou dende a entrada en vigor dos Orzamentos, como son a licitación do novo párking público do HULA, os 7 aparcadoiros disuasorios, o ascensor de Fontiñas e a peonalización do entorno da praza da Milagrosa, a aprobación das bases para crear o viveiro de empresas a pé de rúa da Tinería, e o proxecto para acondicionar un carril bici de 15,5 quilómetros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com