O Concello licita a segunda fase da modernización da Praza de Abastos

O Concello aprobará na Xunta de Goberno deste mércores a saída a licitación da segunda fase das obras de remodelación da Praza de Abastos, unhas actuacións que contan cun orzamento de 1,6 millóns de euros, financiados nun 80% pola Unión Europea a través do Plan URBAN, e cun prazo de execución de 6,7 meses.

Así o avanzou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen lembrou que estas actuacións “servirán para modernizar e facer máis atractiva a Praza, o que aumentará a competitividade e posicionamento comercial dos praceiros”. As obras afectarán ao interior do edificio e teñen como obxectivo o mellor aproveitamento da superficie, cunha nova distribución dos usos, e tamén mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a xestión de residuos.

A Xunta de Goberno aprobará o prego de cláusulas administrativas que rexerán a adxudicación das obras, que será publicado entre o xoves e o venres no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante, en lugo.gal O prazo de presentación das propostas é de 26 días naturais contados dende a publicación de anuncio no BOP, polo que o Concello estima que os traballos poderán comezar a finais de setembro.

Ana Prieto explicou que, nesta segunda fase da reforma da praza de abastos liberarase o espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito. Trátase de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminado o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e  accesibilidade. As obras afectarán a 17 postos, dos cales 5 están pechados. Os outros 12, pertencentes a 7 negocios, serán reubicados noutro espazo equivalente sen ningún custe para eles.

Unha das principais intervencións será a comunicación da praza de abastos co parking soterrado de Santo Domingo, o que permitirá dotala dunha zona de aparcamento. A conexións farase mediante un corredor de comunicación, unha vez que os técnicos determinaron que esta solución é viable. A creación deste acceso permitirá ademais poñer en valor os restos da calzada romana que se descubriron na escavación para construír o túnel.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com