O Concello paga no primeiro trimestre do ano máis de 10 millóns de euros aos provedores municipais

O Goberno de Lara Méndez abonou entre xaneiro e marzo de 2021 un total de 1.269 facturas por valor de 10.314.916 euros, o 76’47% deste importe dentro do prazo legal establecido. Esta é a principal conclusión – segundo sinalou a edil de Gobernanza – do informe de morosidade do primeiro trimestre do ano, no que tamén se pon de manifesto a solvencia económica da administración local que en só tres meses rebaixou a 53’42 días o período medio de pago, dentro dos 60 que determina a lei.

“O documento constata que nos primeiros meses deste exercicio, grazas á implantación dos protocolos de traballo internos que estamos a aplicar, fomos quen de incrementar a cantidade de diñeiro que se paga en prazo aos provedores municipais, pasando do 65’37% ao 76’47% con respecto ao trimestre anterior”, indicou Paula Alvarellos que tamén destacou que, xeralmente, boa parte das facturas que quedan pendentes pertencen ás grandes compañías de subministración eléctrica e gas – pola súa especial dificultade na conformación – e non a pequenos empresarios.

“Esta comparativa non só nos permite extraer que se está a rexistrar unha mellora cuantitativa senón que está a ter, alén, repercusións sobre a inmediatez coa que se realiza o pagamento, que se acurtou en tres días sobre o balance anterior, pasando o PMPE das 56’59 xornadas de media que se tardaba en realizar o pago a finais de 2020, ás 53’34 nas que se materializa agora”, abondou a concelleira.

A responsable da área económica aclarou que este dato fai referencia ao tempo que o Concello tarda en liquidar a factura dende que entra no circuíto para a súa tramitación. “Unha cifra que baixa até 14’17 en marzo cando o que se contabilizan son os días que transcorren dende que se aproba o gasto ata que se materializa o seu pago efectivo”.

Dende o executivo queremos amosar a nosa satisfacción porque os pasos que levamos dados até o momento, en prol da eficacia administrativa e para que esta reverta nunha maior axilidade burocrática e unha mellor atención cidadá, estean a dar resultados. Son o froito da posta en marcha de moitas medidas, dende a organización do persoal pasando pola simplificación dos procedementos, pero tamén do firme compromiso amosado pola rexedora, Lara Méndez, para que nun contexto social de tanta incertidume como o que está a propiciar a pandemia, o Concello sexa o principal apoio dos sectores produtivos do municipio. Amosouno coa convocatoria de axudas directas que paliaran as consecuencias económicas das restricións sanitarias pero tamén o fai cumprindo coas súas obrigas en tempo e forma, estando ao servizo da veciñanza, como é a súa vocación”, concluíu Paula Alvarellos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com