O Concello podería estar incumprindo a Lei de Contratos ao non publicar os contratos menores que adxudica

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida esixe ao goberno local que volva publicar mensualmente os contratos menores no Perfil do Contratante da páxina web do Concello de Lugo, como se viña facendo ata o 9 de marzo deste ano, en aras da transparencia e tamén do propio cumprimento da legalidade.

A Lei de Contratos do Sector Público obriga no seu artigo 63 a publicar, polo menos trimestralmente, a información relativa aos contratos menores, indicando como mínimo os seguintes datos: o seu obxecto, duración, o importe de adxudicación, incluido o Imposto Sobre o Valor Engadido (IVE), e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos ademáis por identidade do adxudicatario. “O goberno local leva medio ano incumprindo claramente a legalidade, e 6 meses despois da entrada en vigor da nova lei é tempo máis que suficiente para adaptarse aos recentes cambios na normativa de contratos. A cidadanía ten dereito a saber cales empresas executan as obras nos barrios e prestan os servizos, e a confirmar que non se están a utilizar os contratos menores como vía para a contratación discrecional. A opacidade é antidemocrática, a administración local é un servizo público, non unha empresa, e como tal ten que funcionar”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

ACE-EU considera que o retraso en cumprir as novas esixencias da Lei de Contratos en canto á información sobre contratos menores pode ter que ver coa obriga de agrupar os contratos por empresas adxudicatarias, “pois así se farían máis evidentes a ollos dos e das lucenses os empresarios recorrentes nas contratacións directas e o elevado montante total que reciben certas compañías sen pasar nunca por licitacións públicas”.

Un exemplo é o de Construccións Sanle, investigada xudicialmente na Operación Pokémon por presuntas irregularidades nas adxudicacións recibidas por parte do Concello de Lugo, que ata xaneiro deste ano acumulaba 18 contratos menores por un importe total de 331.286,66 euros, sendo maioritariamente a unidade tramitadora o departamento de enxeñería.

Os contratos menores non precisan pasar o proceso de licitación pública por tratarse de obras por cantidades que non acadan os 50.000 euros. ACE-EU califica de abusiva a recurrencia do equipo de goberno á contratación directa, que no caso das obras rozan os límites da legalidade, rebasando en ocasións a contía máxima fixada por lei ou con divisións dubidosas en varios contratos de obras que poderían estar unificadas nun só contrato por tratarse de tarefas idénticas realizadas pola mesma empresa para o mesmo período de tempo.

Un deses casos foi o da propia empresa Construccións Sanle, coa que o 17 de novembro de 2016 se asinaron dous contratos diferenciados susceptibles de formar un só: un para obras de mantemento en vías urbanas por importe de 49.932,92 euros e outro para obras de accesibilidade en vías urbanas por 39.138,53 euros. “O fraccionamento de contratos é un xeito claro de reducir as  esixencias de fiscalización, publicidade e transparencia, facilitando a selección de empresas afíns”, sinalou o concelleiro de ACE-EU.

ACE-EU ve un motivo de alarma no Plan de Barrios do actual orzamento, cunha partida sen desglosar de 2,5 millóns de euros que non especifica as obras e importes concretos, que porá en bandexa as adxudicacións opacas e discrecionais a través dos contratos menores, polo que ve urxente a publicación pormenorizada dos contratos menores para que calquera persoa poida comprobar que as obras nos seus barrios se están a facer no xeito máis limpo posible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com