O Concello de Lugo porá a disposición das e dos lucense, tanto cativos como adultos, un total de 998 prazas para o primeiro trimestre nos cursos de natación nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras, o que ao longo do ano suporá un total de case 3.000 prazas. Para o curso 2025-2026, mantense as solicitudes e matrículas trimestrais, pero a diferencia de anteriores convocatorias, o pago será tamén trimestral, a fin de evitar impagos e co obxectivo de adaptarse ao novo sistema informático e tamén á ordenanza municipal no que se refire ao pago de recibos.
Os adultos interesados en matricularse nas 454 prazas dispoñibles na piscina de Frigsa terán a súa disposición cursos en quendas de mañá e de tarde, para as clases nos niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, e nun total de 12 horarios diferentes, de luns a xoves. Ademais, dentro desta oferta tamén se contemplan clases na piscina para embarazadas, específicas de nado con aletas e as denominadas natación e saúde. O custo destes cursos para adultos con dúas sesións á semana, durante os meses de outubro, novembro e decembro, é de 68,70 euros, a mesma cantidade que en anos anteriores.
Mentres, nestas mesmas instalacións, se porán a disposición 288 prazas para os cursos dirixidos a cativos e cativas, nos mesmos niveis citados, e con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos. Ditas clases impartiranse de luns a xoves, con seis horarios de tarde. O custo destes cursos é de 55,80 euros ao trimestre.
A piscina municipal das Pedreiras, pola súa banda, porá a disposición dos lucenses un total de 128 prazas para os cursos dirixidos a adultos e outras 128 para os destinados a nenas e nenos, nados entre os anos 2016 e 2022. Estas instalacións só acollerán as clases nos niveis de aprendizaxe, iniciación e perfeccionamento, de luns a xoves, e cun total de nove horarios diferentes, todos eles polas tardes.
As solicitudes para os cursos de natación poderanse facer entre os días 5 e 10 de setembro, ben na recepción da piscina das Pedreiras ou nas oficinas de Frigsa, dependendo da instalación escollida, mediante a recollida da folla de inscrición dentro do horario de apertura habitual. Dito impreso tamén pódese descargar desde a páxina web do Concello de Lugo, na que tamén pódense consultar os distintos horarios e cursos no enlace https://concellodelugo.gal/gl/prazo-de-inscricion-e-matriculacion-piscinas-frigsa-pedreiras-2025-2026.
Para todos os cursos dispoñibles e, independentemente da piscina na que se impartan, a exposición de listas de matriculación de admitidos só estará dispoñible nas oficinas municipais de Frigsa, en horario de 09.00 a 14.00 horas, entre os días 17 e 22 de setembro.
O pagamento será nun só pago polo trimestre completo, no momento da formalización da matrícula. Preferiblemente se realizará mediante tarxeta bancaria, aínda que como alternativa manterase o ingreso bancario na conta do Concello, para o que previamente deberán recoller nas oficinas de Frigsa os formularios correspondentes.
Ademais dos cursos trimestrais, a área de Deportes oferta un total de 274 prazas nos cursos intensivos de natación para nenos e nenas, con 210 prazas en Frigsa e 64 nas piscinas das Pedreiras. Por outra banda, un ano máis haberá clases de ximnasia e natación para as e os maiores de 65 anos, cun total de 330 prazas. Nas instalacións de Frigsa haberá cinco grupos con 50 persoas en horarios diferentes, tres días á semana, combinando ambas disciplinas, mentres que nas Pedreiras ofertaranse catro grupos de 20 persoas cada un. Nestes cursos a matrícula é directa e o prazo estará aberto ata o vindeiro día 5 ou ata esgotar as prazas. O custo desta actividade é de 7,90 euros anuais, nun claro compromiso do Goberno Local de favorecer o ocio activo e saudable entre as e os maiores lucenses.