O Concello pon en marcha un certame de caracterización de Arde Lucus

O Concello de Lugo, dende a área de Xuventude que dirixe Ana González Abelleira pon en marcha un concurso de caracterización de Arde Lvcvs “co que busca manter vivo o espírito destes festexos” que este ano, pola situación sanitaria actual, non se poden celebrar do xeito tal e como se viña facendo nos últimos 18 anos. O certame ten, como obxectivo, crear ambiente na rede social Facebook durante esta edición virtual do Arde Lvcvs.
O certame de caracterización está aberto a rapaces e rapazas e adultos, existindo dúas categorías: unha xuvenil, dende os 14 ata os 17 anos, e outra adulta, dos 18 en diante, e contará con dúas versións de caracterización: romana e castrexa. Cada persoa participante poderá concorrer unha única vez. As fotografías, que poderán tomarse tanto en interior como exterior, deberán amosar unha persoa vestida co seu traxe romano ou castrexo. Se na imaxe aparecen menores, deberase contar coa autorización do pai, nai, titor/a para publicar a imaxe, que se solicitará e se comprobará no caso de resultar gañador/a.
Poderanse rexeitar aquelas fotografías que non cumpran uns mínimos estándares de calidade.
As fotografías deberán subirse, en modo público, ao Facebook co cancelo #concursovolveremos, dende a presentación destas bases ata o 28 de xuño.

Outorgarase catro premios:

• Premio para a categoría xuvenil de caracterización romana
• Premio para a categoría xuvenil de caracterización castrexa
• Premio para a categoría adulta de caracterización romana
• Premio para a categoría adulta de caracterización castrexa
Os premios de adultos basearanse nunha fin de semana en réxime de aloxamento e almorzo, en calquera dos pobos e ou cidades que acollan algunha das festas de recreación histórica que se integran na Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (da que forma parte Lugo co Arde Lvcvs). Os premios xuvenís, basearanse ambos en experiencias de aventura adecuadas á idade do gañador ou gañadora.

Xurado
O fallo do xurado valorará criterios como a adaptación da caracterizacións aos materiais usados na época romana e castrexa así como a similitude e dificultade. Estará formado por un representante de cada unha das 19 asociación de recreación histórica de Lugo.
As asociacións romanas formarán parte do xurado de caracterización romana e as castrexas, da caracterización castrexa.
O fallo do xurado emitirase ao longo do verán, avisando ás persoas gañadoras no Facebook oficial dos festexos do Arde Lvcvs, tendo un prazo de 24 horas, para pórse en contacto e facilitar os datos de comprobación que se lle solicite. Crearase tamén una listaxe de primeiros e segundos suplentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com