O Concello recorrerá a sanción do Ministerio pola colocación do dique no Miño

O Concello de Lugo anuncia que recorrerá a sanción de 180.000 euros ratificada nas últimas horas polo Ministerio de Medio Ambiente por incumprir o proxecto para instalar un dique do Río Miño. Na orde na que se confirma a sanción o Ministerio volve ordenar retirar de forma “uxente” e antes de que remate a época de estiaxe a ataguía construída pola empresa Inca.

Esta mañá, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, anunciaba o recurso a dita sanción aínda que se amosa sorprendido de que se resolvera antes o expediente sancionador ao Concello que a determinación de se o dique é legalizable ou non. “Entendemos que non se resolve do mesmo xeito un expediente por unha obra que é ilegalizable que por unha obra que pode ser legalizable”, sinalou Piñeiro.

Reaccións dos grupos políticos

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, instou esta mañá en rolda de prensa ao Goberno local a proceder á retirada “inmediata e urxente” do dique.  Segundo Castiñeira, a administración municipal “como promotora e autora do estudo de impacto ambiental é a máxima responsable de dar solucións aos problemas que ela mesmo xerou”.

Ademais, o voceiro popular criticou que “nin sequera o Concello de Lugo dera cumprimento ao acordo plenario adoptado a semana pasada para iniciar os trámites de demolición deste dique”. “É incomprensible que non dera nin o primeiro paso, que é o de trasladar a todas as administracións implicadas a vontade de dar este paso”, subliñou.

Dende Lugonovo sinalan que ao se ratificar esta sanción “amósase que a obra se fixo sen rigor ningún, sen os avais oportunos e, dende logo, sen ningún tipo de supervisión por parte da administración local que, como adxudicadora, tiña a obriga de velar polos intereses dos lucenses e non polos da empresa”.

Pola súa banda, o BNG rexeita que o Concello recorra a sanción e pídelle que artelle un mecanismo para que sexa a empresa adxudicataria a que se faga cargo da sanción e da retirada do dique.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo