O Concello retirará o dique do Miño o 2 de novembro

O Concello retirará o dique da Fábrica da Luz o vindeiro 2 de novembro. Así o avanzou este martes o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen asegurou que previamente se colocará unha lámina impermeable augas arriba do dique e unha barreira de contención flotante.

O edil lembrou, que tras recibir a pasada semana a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para retirar o devandito dique e presentar un proxecto de retirada, a Confederación estableceu un prazo de 5 días para a retirada, computados a partir do día nos que comecen os traballos.

Tal e como explicou Piñeiro, a retirada farase en 3 fases diferenciadas, unha primeira de retirada da protección de pedra e da lámina superior de xeotéxtil, que se realizará dende o lado da terra cara a auga; unha segunda que consiste na retirada do núcleo central de terra e das láminas de polipropileno dende o extremo da ataguía, en retroceso cara o lado da terra, e unha terceira, de retirada das escolleras laterais.

A segunda e terceira fase son consecutivas e realizaranse sucesivamente. O desfase entre a retirada de terras e de escollera permite así minimizar o enturbamento das augas, xa que a retirada de terras realízase protexida pola escollera lateral.

“Como sempre dixemos, nós consideramos que se o dique non era legalizable había que retiralo canto antes, en estiaxe, para evitar que estivera outro ano, xa que se trata dunha obra provisional e a entidade local non podía garantir que o dique aguantara o inverno”, lembrou o Concelleiro, quen pediu ao Ministerio e á Xunta que se aclaren do seu “conflito de competencias”, e resolvan dunha vez por todas, e de xeito definitivo, a paralización das obras da Fábrica da Luz, as mesmas que eles autorizaran.

Así mesmo, Piñeiro subliñou que é “canto menos curiosa”, a presa da Confederación para resolver un expediente sancionador, e a lentitude para autorizar o resto da obra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo