" />

O Concello reúne aos mellores expertos para abordar os retos derivados do avellentamento poboacional

Segundo os últimos datos actualizados do padrón municipal o Concello de Lugo ten 99.348 habitantes e 21.477 superan os 65 anos, o que supón o 21,6% da poboación total. Cifras que hoxe daba a coñecer a alcaldesa, Lara Méndez, ao tempo que salientaba como dato máis relevante o feito de que “de todas esas persoas, ao redor de 5.000 viven soas”.

“É, sen dúbida, unha circunstancia preocupante que, dende a administración local se vén observando dende hai tempo e que temos moi presente para dirixir as liñas de actuación dos servizos municipais de maneira que non só estamos a priorizar a atención a este colectivo senón que tamén boa parte dos esforzos impulsados dende a institución se dirixen a fomentar as relacións sociais entre os maiores co fin de evitar así a súa exclusión, afastando o sentimento de soidade”.

A rexedora realizaba estas declaracións durante a rolda de prensa que ofrecía esta mañá para presentar, xunto a edil de Benestar e o xefe de servizo de Xeriatría do HULA, as I Xornadas de Atención Sociosanitaria para Persoas Maiores organizadas polo Concello de Lugo.

“Un relevante encontro – subliñou Lara Méndez – no que se darán cita destacados profesionais de tódolos ámbitos relacionados coa importante tarefa de coidar e velar pola saúde e a calidade de vida das persoas maiores e co que tamén queremos poñer de manifesto o noso compromiso na consecución dun futuro á vangarda das políticas públicas coa solidariedade e o benestar interxeneracional como marca de identidade” ao tempo que lembrou que Lugo está considerado “Municipio Amigable cos Maiores dende o que apostamos por accións transversais que nos permitan lograr un Concello 8 – 80 que dea cobertura a todas as necesidades da poboación comprendida nesa franxa”.

Pola súa banda, Olga López Racamonde explicou que as Xornadas terán lugar o venres 31 de xaneiro e o sábado 1 de febrero no Auditorio do Vello Cárcere. “Organizaranse en torno a catro mesas de traballo para abordar, entre outros aspectos, a atención á soidade, os transtornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios ou a dependencia”, explicou a concelleira.

López Racamonde indicou que “o obxectivo destas xornadas, pioneiras no Concello, é o de avaliar, dende múltiples perspectivas, o funcionamento actual dos mecanismos e recursos empregados neste labor na procura de melloralos e acadar unha boa coordinación dos mesmos para efectivizar os resultados, dando resposta ás necesidades e demandas que hoxe en día esixe a sociedade”.

Así, relatou que se agarda a participación de representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día, traballadores sociais e mesmo persoal sanitario e médico de diferentes áreas así como xornalistas de medios de comunicación local que achegarán o seu punto de vista.

“Esta primeira edición concluirá cunha charla maxistral a cargo de José Antonio López Trigo, xeriatra, traballador do Concello de Málaga e ex presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía”, avanzou Olga López ao tempo que convidou a tódalas persoas que estean interesadas en asistir a apuntarse de xeito gratuíto, até o próximo día 30 de xaneiro, a través do 010 ou do número de teléfono 982.29.73.50. As prazas ocuparanse por rigurosa orde de inscrición.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Mari Dominguez
    Xan 21, 2020 - 01:35 AM

    Palabras y más palabras, vacías.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo