O Concello sacará a licitación esta semana as Caldas do Miño con previsión de telas o vindeiro ano

Catro pozas de auga quente e dúas de fría. Así serán as Caldas do Miño que o Concello de Lugo ten proxectadas na contorna fluvial como recurso de atracción de visitantes e dinamización da economía local.

Así o anunciou hoxe a rexedora da cidade, Lara Méndez, quen xa avanzou que esta semana a Xunta de Goberno aprobará o inicio do proceso de licitación das Caldas que contarán cun prazo de execución de doce meses; polo que deberían entrar en funcionamento o vindeiro ano.

O proxecto dotará á cidade duns baños públicos con auga quente facendo unha chiscadela ás termas e, polo tanto, á historia cultural da cidade, aínda que non teñen un fin sociosanitario por non tratarse de augas mineromedicinais se non que proveñen da traída e acondicionaranse termicamente para o seu goce.

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na Avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente – cunha profundidade de entre 60 e 90 cm -, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 metros cadrados.

“As caldas serán un gran revulsivo vinculado co noso legado xa que están inspiradas nos baños públicos romanos”, sostivo a rexedora, que engadiu que “con estas instalacións sumaremos novos espazos para o goce da nosa veciñanza, para as e os peregrinos, xa que moi preto pasa o Camiño Primitivo e pode ser una etapa de parada e descanso para eles, e para a atracción de visitantes nun momento tan interesante para a cidade para captar un turismo de experiencias, e polo tanto, de calidade”.

A nova infraestrutura poderá ser empregada por toda a cidadanía, incluídas as persoas con diversidade funcional ou dificultades de mobilidade xa que disporá de itinerarios accesibles e un dos vasos está adaptado cunha rampla de acceso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com