O Concello substituirá tres desfibriladores que foron vandalizados no barrio da Milagrosa e a praza de Campo Castelo

O Concello de Lugo ultima a substitución de tres desfibriladores que foron vandalizados no barrio da Milagrosa, concretamente na Avenida da Coruña, nas inmediacións da rúa San Lourenzo, e na rúa Divina Pastora; así como na praza de Campo Castelo.

Durante o verán, a empresa encargada do mantemento dos desfibriladores realizou unha profunda revisión e elaborou un informe detallado de cada un dos 67 aparellos instalados nas diferentes instalacións municipais, así como en espazos públicos da cidade, para comprobar o seu correcto funcionamento. “Este informe, que foi entregado ao Concello a comezos de outubro, fai referencia á carencia dos tres desfibriladores referidos, así como algunha incidencia menor que quedará subsanada nas vindeiras semanas”, detallou a edil de Benestar Social .

Unha vez feita a revisión déronse de alta como corresponde no rexistro do 061, notificando a localización dos mesmos, de maneira que sexan incorporados á ferramenta de mapeo da que dispón o Sergas para coñecer a ubicación de todos os desfibriladores que hai na comunidade.

A concelleira subliñou, así mesmo, que se vai cambiar a ubicación do aparello instalado Augas Férreas, que pasará a outro punto da praza, para evitar danos no mesmo, “xa que actualmente se atopa próximo ao espazo empregado polos cativos e cativas para xogar co balón”, apuntou.

A edil aproveitou para facer un chamamento ao civismo e instou á cidadanía a que respecte os desfibriladores, en alusión aos tres aparellos que foron substraídos, lamentando “a inconsciencia dos autores para comprender que as súas accións danan un servizo cuxo único fin é salvar vidas nunha situación de emerxencia”, ao tempo que denunciou estes actos vandálicos, “así como calquera tipo de accións que danen o mobiliario urbano e o patrimonio da cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com