" />

O Concello tramita os permisos para acondicionar un aparcadoiro na contorna do HULA

A alcaldesa de Lugo creará un novo aparcadoiro na contorna do Hula. A rexedora local anunciaba hoxe que o Concello está a tramitar os permisos pertinentes para poder rozar e acondicionar a tal efecto un novo soar, nas proximidades do Hospital Universitario Lucus Augusti “co obxectivo de incrementar o número de estacionamentos a disposición da cidadanía, todas elas – remarcou – de carácter gratuíto”.

“Trátase de dúas parcelas, sitas na mesma marxe da entrada principal ao edificio, entrando pola Rolda Norte, que conxuntamente suman 11.500 m² e sobre as que, logo da súa limpeza, a área de Enxeñería realizará o estudo topográfico pertinente para avaliar a capacidade que ofrecen aínda que, de non resultar viables, dispoñemos doutro predio alternativo ao seu carón que tamén se pode destinar a este fin”, explicou a alcaldesa.

Así, a alcaldesa lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde, “logo de que repintásemos en batería as marcas viarias que circundan o HULA para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.

“A nosa intención é, ademais, que cando se aprobe o 5% restante do PXOM, toda vez que a nova catalogación do chan – que actualmente é rústico, de especial protección – pase a clasificalos como zona de equipamentos, estes dous recintos se convertan dun xeito definitivo en dotacións pavimentadas, perimetradas e coa sinalización correspondente”.

A rexedora enmarcou esta medida na vontade do Executivo local de dar resposta ás demandas cidadás, atendendo ao que xa é un clamor similar ao que, no seu día, propiciou que Lugo conte cun servizo de hemodinámica 24 horas.

Os lucenses levan anos denunciando as altas tarifas do parking soterrado do Hospital e reclamando a súa gratuidade. Unha reivindicación á que, tamén dende o equipo de Goberno, nos sumamos en varias ocasións, mesmo a través de proposicións plenarias que lle fixemos chegar á Xunta sen que, até o de agora, obtivéramos unha resposta”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa lucense cualificou, nunha nova ocasión, de “inxusto” que os e as usuarias do complexo médico, centro de referencia para toda a provincia, teñan que pagar por aparcar na contornarecordou que o propio inmoble foi construído sobre terreos que eran propiedade do Concello e que a Institución cedeu de xeito gratuíto ao Goberno galego para tal fin. “É dicir, se lle esixe á cidadanía de Lugo un repago, sacrificando o interese público para darlle beneficio a unha empresa privada”, subliñou.

Antes de rematar, a rexedora adiantou, así mesmo, que o Executivo local solicitará unha autorización para colocar cámaras de vixilancia tanto no actual aparcadoiro como no que se proxecta construír, co obxectivo de incrementar a seguridade que actualmente desenvolven co seu labor Policía Local e o resto de Corpos con competencias en materia de orde pública.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo