O Concello traslada ao persoal municipal un Plan de Retorno ao traballo presencial

O Concello de Lugo, a través da área de Gobernanza e Recursos Humanos, vén de trasladar ao persoal municipal un Plan de Retorno ao traballo presencial no Concello no que se inclúen pautas de protección individual e colectivas que serán de obrigado cumprimento durante as vindeiras semanas co fin de evitar a propagación do coronavirus.

A nova regulación contempla que o acceso ao centro de traballo se realice en horarios graduados e con flexibilidade nas entradas, de maneira que se establecerán quendas entre días e/ou mañá e tarde, con 30 minutos de diferencia entre elas, para evitar coincidir nese intervalo e sen que a xornada supere as 7 horas continuadas. Sinalizaránse rutas separadas de entrada e saída aos edificios municipais e nos corredores, sempre que as súas dimensións o permitan, será imperativo circular pola dereita pegados á parede e gardando un mínimo de 2 metros con quen nos preceda. En canto ás reunións e as sesión de órganos colexiados efectuaranse preferiblemente mediante sistemas telemáticos e será obrigatorio o uso de material de traballo e de papelería diferenciado, evitando compartilo ou ben asegurando unha limpeza e desinfección exhaustiva posterior.

A orde de reincorporación á actividade presencial do persoal do Concello realizarase sempre en función da evolución que siga a crise sanitaria e, baixo esa  condición, definíronse catro fases:

A primeira terá lugar o próximo 25 de maio cando, ademais do persoal declarado esencial ao inicio do Estado de Alarma que xa o viña mantendo, regresarán ao seus postos as e os xefes de servizo ou equivalente.

A partir do 1 de xuño entrará a fase 2, na que volverán aqueles que desempeñen as súas funcións en espazos de uso exclusivo como despachos ou oficinas nas que estea garantida unha separación de 2 metros entre traballadores.

E xa o 8 de xuño comezará a fase 3, cando se incorporarán o resto de empregados daqueles departamentos nos que foi preciso realizar axustes ou obras para garantir esta distancia mínima, aínda que durante todo o proceso poderá seguir exercendo en réxime de teletraballo o persoal que teña menores ao seu cargo e se vexa afectado polo peche dos centros educativos.

A cuarta e última fase terá lugar a partir do 15 de xuño cando se procederá a avaliar a implantación da plena reincorporación, en función das normas e recomendacións sanitarias que se vaian publicando e tendo en conta a planificación que realice cada centro, departamento, servizo ou sección.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com