O Courel convértese no primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España

As Montañas do Courel foron declaradas Xeoparque Mundial pola UNESCO nunha reunión celebrada, onte en París, por este organismo internacional dependente de Nacións Unidas. Este territorio da provincia de Lugo, que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga convértese, así, no primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do Noroeste de España, ocupando o posto número 13 do país.

Tanto a Xunta de Galicia como a Deputación congratuláronse deste fito felicitando aos promotores desta iniciativa polo conseguido.

O Presidente da Deputación, Darío Campos destacou que “a declaración das Montañas do Courel como Xeoparque Mundial é unha decisión histórica para a nosa provincia e unha enorme satisfacción. Supón un extraordinario impulso ao turismo da zona e abre novas posibilidades e oportunidades económicas para a poboación que reside neste territorio da provincia. A Deputación foi a principal administración galega que traballou xunto aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, para conseguir este distintivo da Unesco”.

En 2016, o Executivo Provincial decidiu sumarse a esta iniciativa, asinando un convenio coa Asociación para a promoción territorial Montañas do Courel integrada polos Concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel para impulsar esta candidatura. Durante os anos 2017 e 2018, esta iniciativa contou co apoio da Deputación cunha inversión de 50.000 euros, para financiar distintas propostas de promoción do territorio como patrimonio xeolóxico.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, expresou a satisfacción do Goberno galego tras a confirmación oficial do recoñecemento por parte da UNESCO das Montañas do Courel como xeoparque mundial, o primeiro de Galicia en recibir este recoñecemento.

Balseiro quixo trasladar a felicitación, en nome da Xunta, a todas as persoas que teñen contribuído a este obxectivo “e que agora poden ver o resultado de moito esforzo”. En particular, quixo salientar o traballo realizado polos alcaldes de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel e da iniciativa liderada polo Grupo de Desenvolvemento Local Ribeira Sacra-Courel.

O delegado lembrou que a Xunta “quixo estar presente en apoio desta candidatura”, a través dun convenio de colaboración económica e tamén materializando este apoio coa súa presenza durante a visita do comité avaliador da UNESCO. Con todo, destacou o bo froito da colaboración entre administracións para acadar este tipo de éxitos.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Clara Fernandez Gonzalez
    Abr 13, 2019 - 12:43 PM

    👏👏👏👏😍

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com