O CRAEGA abordará a evolución da produción ecolóxica no rural

As producións certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica -que este ano celebra o seu vixésimo primeiro aniversario- non fan senón medrar. En 2017 incrementouse un 42% o volume de vendas certificadas o que tradúcese en 17,3 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Ante o gran futuro que ten por diante e as perspectivas de negocio, o CRAEGA volve organizar unha xornada de interese para o sector e que vai pola terceria edición tras o éxito das anteriores.

Desta vez a cita será no Museo Integrado da Maquinaria Agrícola, en Trasliste, a 10 minutos de Láncara (Lugo), un espazo especial cunha fermosa colección nunha casa de labranza, Casa de Vázquez. As pezas, dende carros ata tractores históricos, están expostas nun pendello e nun antigo silo acondicionados e coa tipoloxía da zona. Tamén hai unha colección de máis de 100 miniaturas de máquinas agrícolas de tódolos tempos nunha antiga manxadoira de corte adaptada de máis de 100 anos. Ademais, a produción desta casa oriéntase á gandaría de carne ecolóxica de primeira calidade e tamén a mazá ecolóxica sidreira.

A xornada comeza ás 10:00 da mañá e remata ás 17:00 da tarde. Nela abordarase a produción deste sector e a súa evolución en Galicia, falarase de como foi mudando a imaxe dos alimentos ecolóxicos entre os consumidores, da contribución deste tipo de producións á vida do noso rural, e de ir máis aló dos conceptos “ecolóxico” e “tradicional” no que a nutrición se refire. Tras o descanso do mediodía farase unha visita ao museo de maquinaria.

Os convidados e relatores son Francisco López Valladares, Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e o produtor Marcos Vázquez Marey, que darán a benvida aos asistentes; José Mouriño Cuba, enxeñeiro Técnico Agrícola e ex-sefe de Servizo na Consellería do Medio Rural; Manuel Cruz Rodríguez, presentador e Director do programa Labranza da CRTVG; Francisco Sineiro García, doutor Enxeñeiro Agrónomo e ex-Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes; e o nutricionista e adestrador persoal Santiago Carro.

O CRAEGA

Manter a calidade das producións galegas en ecolóxico e garantir que se cumpran os requisitos para levar esta denominación son os eixos principais de acción dun organismo con sede en Monforte de Lemos que comezou cunha ducia de produtores, pasando a aglutinar hoxe máis dun milleiro e a superar as 30.000 hectáreas cun volume de facturación que supera os 50 millóns. Dos inscritos cos que conta a entidade, ao redor de 200 son industrias elaboradoras e o resto son agricultores, gandeiros, recolleitadores de algas e acuicultores.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com