O ‘Diccionario galego para boomers’ recoñecido como proxecto modélico nos Premios Mil Primaveras da CTNL

O 30 de marzo reuniuse o xurado da terceira edición dos Premios Mil Primaveras organizados pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), que decidiu outorgar ao proxecto Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, o premio na categoría mellor proxecto dirixido á infancia e á mocidade. Nesta edición dos premios tamén foron recoñecidos: Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto estabilizado), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador) e Media laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

A edición de 2021 dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego recoñeceu, na categoría de proxecto dirixido á infancia e mocidade, o proxecto escolar Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O xurado salientou que é un proxecto que dá protagonismo e papel activo á xente nova e vincula o galego non co pasado, senón co novo, o moderno e o máis actual. O xurado tamén destacou a eficiencia comunicativa a través das redes que manexa a mocidade e o coidado deseño. É ademais un proxecto que logrou crear interese dentro e fóra do ámbito escolar e axuda a levar o ensino da lingua alén da aula tradicional.

Os Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL, naceron en 2019 coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

O xurado desta edición decidiu recoñecer programas que potencian a implicación das persoas destinatarias: familias, usuarias das redes sociais, alumnado ou educadoras/os. Son ademais proxectos que buscan asociar a lingua con valores positivos e atractivos (o xogo, o moderno e o innovador…) e que procuran aumentar a presenza da lingua no ámbito do lecer.

O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2021 estivo formado por Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, Nel Vidal Barral, docente no IES Rego da Trabe, de Culleredo, Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística dos concellos de Rois e Dodro, Fátima Rodríguez Ruibal, docente no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e Iolanda Fernández Casal, xornalista e responsable de comunicación da Real Academia Galega.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a divulgalos, os proxectos premiados están xa dispoñibles para a súa consulta detallada no web milprimaveras.gal. Tamén co mesmo obxectivo de divulgar e recoñecer, a CTNL organizará un acto público de entrega dos premios. Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com