" />

O dispositivo de tráfico para o San Froilán arranca o vindeiro mércores

O Concello de Lugo elaborou un dispositivo especial de tráfico e mobilidade para garantir a seguridade cidadá e o éxito do San Froilán, que xeran un importante tránsito, tanto de persoas, como de vehículos, en toda a cidade. Deste xeito, coa posta en marcha deste dispositivo, a entidade local pretende minimizar os inconvenientes á veciñanza, ao tempo que se aseguran as mellores condicións destes festexos.

O Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños que reduzan o uso dos coches e fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios: dous en Campos Novos, As Termas e Sanfiz. As festas, como vén sendo tradicional, celebraranse nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de localización do recinto feiral).

A montaxe das distintas atraccións no recinto feiral poderase iniciar ás 00:00 horas do día 29 de setembro, e o seu funcionamento comezará o día 3 e finalizará o día 14 de outubro. O asentamento das caravanas das e dos feirantes realizarase igual que o ano pasado, nas rúas incluídas dentro das unidades de actuación Norte 1 e Norte 2  (inmediacións do centro comercial As Termas).

Este plan de tráfico consta de dous procedementos, e aplicarase dende as 19:00 horas do mércores día 3 de outubro ata as 08:00 horas do luns día 15 de outubro de 2018, segundo corresponda.

Procedemento A. Será o que se manteña mentres permaneza pechado o recinto feiral e se permita a circulación pola rúa Vilalba, avenida de Ramón Ferreiro e rúa Alcalde Anxo López Pérez. Durante este procedemento, as vías incluídas dentro do recinto feiral cortaranse ao tráfico os días que permaneza en funcionamento este, e cando así o estime oportuno o xefe de quenda, e irá en función da afluencia de persoas. Poderá terse como hora de referencia as 19:00 horas.

Procedemento B: Será o que se estableza cando se realice o corte da ronda da Muralla á altura da rúa Santiago.
Aplicarase aos días festivos e ás fins de semana, coincidindo cunha maior afluencia de público, aínda que poderá adiantarse xa o día 3 de outubro, dependendo da afluencia de público ao recinto feiral, de todos os xeitos manterase de forma continuada dende as 19:00 horas do día 4 ata as 05:00 horas do día 5 de outubro, dende as 19:00 horas do día 6 ata as 05:00 horas do día 7, e dende as 19:00 horas do día 11 ata as 05:00 horas do día 13 de outubro.

Este procedemento poderá aplicarse total ou parcialmente naquelas datas en que se celebren concertos na praza Horta do Seminario. As vías afectadas pola instalación de atraccións de feira e casetas de venda dos diferentes produtos, cando se poña en marcha algún dos dous procedementos, soamente poderán ser usadas por vehículos debidamente autorizados.

Vías afectadas e medidas para adoptar durante a aplicación do procedemento B:

Ronda da Muralla: Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da ronda e da rúa  Cidade de Viveiro pola rúa Santiago. A través deste corte permitirase o acceso de vehículos autorizados e de residentes con praza de garaxe a este tramo e aos da rúa Vilalba, carril dos Loureiros e das vías das inmediacións do Parque de Rosalía de Castro.

Rúa Vilalba: Efectuarase un corte de tráfico unha vez superada a intersección do carril dos Loureiros, e as persoas residentes desta vía accederán dende o punto de corte da ronda e sairán polo carril dos Loureiros en sentido contrario ao habitual cara á rúa Isaac Díaz Pardo.

Carril dos Loureiros: Durante a aplicación deste procedemento, cambiaráselle o sentido de circulación para facilitar a saída dos residentes do tramo da ronda da Muralla, rúa Vilalba e do propio carril dos Loureiros en dirección á rúa Isaac Díaz Pardo e á rúa Cidade de Viveiro.

Rúa Salvador de Madariaga: Realizarase un corte de tráfico á altura da praza de Bretaña. Permitirase soamente o acceso das persoas residentes e dos vehículos que se dirixen ao aparcadoiro do Seminario.

A calzada que discorre fronte aos centros educativos habilitarase en dobre sentido para facilitar a entrada e saída das e dos residentes. A oposta sufrirá dous cortes, un á altura da rúa Celso Emilio Ferreiro e o segundo na confluencia da rúa Salvador de Madariaga.

Avenida de Ramón Ferreiro confluencia con rúa Pintor Corredoira: Prevese que haxa que cortar o tráfico que saia de rúa Pintor Corredoira en dirección á rúa Celso Emilio Ferreiro en momentos puntuais ou días concretos, desviándoo cara á praza do Rei para dar fluidez á circulación nese punto, algo que terá que ser valorado polo xefe de quenda polo que quedará almacenada nas inmediacións a correspondente sinalización.

Aviso do Concello 

As e os residentes e usuarios con praza de garaxe afectados polos cortes de tráfico, as e os condutores dos vehículos que utilizan as áreas de estacionamento interiores dos distintos centros escolares que se atopan no interior do recinto feiral e a súa área de influencia, quen realice operacións de carga e descarga, incluídas/os feirantes, deberán proverse das correspondentes autorizacións de acceso na Oficina de Atención ao Cidadán (OAC) da Policía Local.

Asemade, co motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o servizo do número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas da praza de Santo Domingo e praza da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permítan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo