" />

O DOG publica a resolución de axudas aos concellos lucenses para promover a igualdade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinadas ás entidades locais galegas para a promoción da igualdade. Na provincia de Lugo as achegas suman un orzamento de 844.600 euros, destinados ao mantemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e ao desenvolvemento de medidas de concienciación e de conciliación.

Estas achegas concedéronse a 39 entidades da provincia pero amparan accións que benefician aos veciños e veciñas de 51 municipios, en boa medida debido a que a práctica totalidade dos CIM teñen un ámbito de actuación supramunicipal, que excede con moito o concello no que teñen a sede -o directo beneficiario da achega-.

Os concellos poden optar a distintas liñas de axuda compatibles entre si. Tres delas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e inclúen o apoio a catro programas dirixidos ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e ao funcionamento dos CIM.

A cuarta liña destinada a accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres enmarcase no desenvolvemento en Galicia das medidas ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Na provincia de Lugo a maior contía corresponde ao financiamento dos CIM, que reciben apoios por importe global de 516.400 euros. Están situados nos concellos de Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Burela, Lugo, Vilalba e Viveiro. Salvo os tres últimos, todos teñen adscritos a outros concellos da súa contorna, polo que contan con este servizo un total de 37 municipios.

Estas axudas financian a contratación para cubrir postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Pola súa banda, 16 concellos lucenses obteñen en total 163.700 euros en axudas para a realización de iniciativas que permiten fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través de medidas que aposten pola conciliación da vida persoal, laboral e familiar. 

Así mesmo, para desenvolver as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres postas en marcha no marco do Pacto de Estado de Violencia de Xénero, contarán coa axuda desta orde 28 concellos lucenses, con apoios que suman 155.500 euros. Neste caso tamén haberá dous beneficiarios máis, dado que dúas entidades presentaron proxectos compartidos (A Fonsagrada con Negueira de Muñíz e Láncara co Páramo). Por último, no marco dos programas para a prevención da violencia de xénero recibe unha axuda de 9.000 euros o concello de Guitiriz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo