O Drone Day achegan a estudantes de secundaria as aplicacións profesionais de vehículos non tripulados

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá no Aeródromo de Rozas nunha das xornadas Drone Day: Aplicacións Profesionais dos Drons, unha iniciativa organizada pola multinacional aeronáutica Boeing en colaboración coa Xunta e que se enmarca nas actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia. No acto participou tamén Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), sede do evento.

Segundo precisou Patricia Argerey, a finalidade destes talleres é “introducir aos estudantes, de xeito dinámico e entretido, no uso e funcionalidades das tecnoloxías vinculadas aos drons e familiarizalos coas súas aplicacións e uso”. Argerey contextualizou esta actividade de divulgación nos compromisos asinados entre a Xunta de Galicia e os seus socios no marco da Civil UAVs Initiative co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega, en especial o interese polas carreiras STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e o sector aeroespacial.

O programa de vocacións da Civil UAVs Initiative ten como obxectivo achegar a ciencia, a tecnoloxía e a innovación á mocidade e o fomento de novas vocacións especialmente vencelladas ao sector aeronáutico e aeroespacial, así como aumentar o coñecemento da iniciativa por parte da sociedade. Ademais dos drone days e das Aulas Newton, organizadas conxuntamente con Boeing, está previsto celebrar outros obradoiros, charlas, concursos e visitas ao CIAR, entre outras. O programa de vocacións científico-tecnolóxicas pretende chegar a mais de 1.000 escolares, mais de 100 universitarios e preto de 2.000 persoas interesadas neste segmento do sector aeroespacial.

Durante dez días, estudantes de secundaria de Burela, Castro de Rei, Lugo, Monforte e Xove, fundamentalmente de 2º e 3º da ESO, participarán en sesións de cinco horas de duración. O aforo máximo é de 30 alumnos por xornada e as inscricións xa teñen o aforo completo.

Ao longo da xornada desenvolveranse diferentes obradoiros prácticos e exercicios de simulación tanto de voo con drons como de realización de mapas. Para iso, traballarase con imaxes e fotografías tomadas dende vehículos aéreos non tripulados (UAVs). Os estudantes que participan na iniciativa traballarán en grupos de cinco ou seis persoas empregando un ordenador portátil e unha emisora de dron de simulación. Ao finalizar o obradoiro,  realizarase unha saída á plataforma do aeródromo para que os participantes poidan observar voos reais de drons, con toma de imaxes e exercicios prácticos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo