O Garañón, as vivendas baleiras e a defensa da Diversidade centran o programa de Ace-Eu-Equo

A candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida-Equo  presentou esta mañá na Rúa da Raíña o seu programa estratéxico para transformar Lugo, que está elaborado en colaboración con expertas en planeamento e urbanistas, traballadoras de tódolos niveis dos servizos sociais, economistas e ambientalistas.

O alcaldable, Carlos Portomeñe, presentou un programa constituído por 8 eixos básixos centrados na rexeneración democrática do Concello, un urbanismo sostible e inclusivo, unha mobilidade segura, políticas sociais centradas na inclusión, unha nova xestión cultural, o coidado do medio ambiente ou a progresividade fiscal.

Entre as medidas concretas, Portomeñe destacou a importancia de crear un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que garanta un urbanismo inclusivo, sostible e respetuoso do patrimonio. Neste senso, o alcaldable restaltou tamén a importancia de “demoler as torres do Garañón deixando o terreo no seu estado orixinal“.

No tocante á Xustiza Social, Ace-Eu-Equo propón a creación dunha Concellería de Feminismo, dedicada a destinar un mínimo dun 5% dos Orzamentos Municipais á igualdade de xénero. Faráno a través da posta en marcha das Ordenanzas de Igualdade de Xénero e dee Prohibición da Publicidade sexista, ademáis da creación doutros programas especiais para mulleres en distintas situacións de vulnerabilidade.

Neste senso, a agrupación comprométese a persoarse como acusación popular, dende o Concello, en tódolos casos de violencia machista, incluíndo o Caso Carioca. Asemade, para facilitar a conciliación e a inclusión dos nenos máis desfavorecidos, Ace-Eu-Equo, considera prioritario abrir os centros escolares en períodos non lectivos para manter o servizo de comedor e actividades extraescolares.

Seguindo no eido social, o programa da unidade popular, presenta outras medidas en prol na descentralización dos servizo sociais así como a atención a Diversidade, que traballarán en distintos eidos, dende unha mobilidade sostible ata a creación de vivendas colaborativas para a terceira idade, pasando pola defensa de colectivos sociais como o LGTBIQA, a inmigración ou o colectivo xitano.

Un último tramo destas medidas vai dirixido ao fomento da cultura, descentralizándoa e levándoa aos barrios, así como potenciando os centros socioculturais autoxestionados. Asemade, as formacións apostan pola ampliación da Escola Municipal de Música ou a creación dunha radio local xestionada polo movemento asociativo da cidade.

“A diferencia co resto de programas electorais é que os demáis partidos adícanse a vender proxectos chamativos sen base real e sen conexión entre sí, a maioría imposibles de executar ou que non solucionan ningún problema da cidadanía, mentres que o noso programa está baseado na análise da situación actual do municipio no seu conxunto, e tódalas propostas teñen absoluta coherencia entre elas e están planificadas de xeito coordinado entre elas, ademáis de rigorosamente comprobado que son todas realizables”, salientou Carlos Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo