" />

O GMPP aprecia falta de mantemento na rede semafórica

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide denunciou esta mañá en roda de prensa a falta de mantemento da rede semafórica da cidade. Tal como explicou o edil popular, o Concello de Lugo está a pagar cada ano uns 314.000 euros á empresa que, entre outras funcións, se ocupa desta tarefa (a da Sala de Control de Tráfico), “sen que o goberno municipal esixa o cumprimento destas funcións polas que pagamos todos os lucenses”.

Antonio Ameijide detallou que, de acordo co contrato que regula o servizo, cada seis meses debería limparse cada semáforo e cada doce meses proceder ao seu repintado, “pero non se está realizando nin unha nin outra acción. Tendo en conta que nestes momentos hai unhas 60 interseccións reguladas por estes elementos en Lugo, conviría prestar unha maior atención, especialmente naqueles casos en que a óptica está totalmente escurecida”, aclarou o edil popular de Tráfico e Mobilidade, á vez que sinalou que “cunha intervención dunha única persoa nesta materia estariamos a mellorar a visibilidade e a percepción destes dispositivos, o que reforzaría a seguridade de peóns e condutores”.

Nese senso, reclamou unha revisión do arboledo urbano e outros elementos “para evitar que circunstancias facilmente emendables afecten á visibilidade e ao bo cumprimento de as funcións destes dispositivos electrónicos”.

Avisadores acústicos

Doutra banda, o popular tamén esixiu unha revisión periódica dos avisadores acústicos dos semáforos, “que cada tres meses, segundo este contrato, deberían supervisar e axustar o volume, pero o certo é que en moitos casos non se está realizando control algún e de feito practicamente todos están estragados ou desactivados”, indicou Ameijide,

“É necesario non conformarse con facer o seguimento dos avisadores acústicos que xa existen senón ir máis aló e amplialos a máis semáforos para facer de Lugo unha cidade realmente accesible”.

Ameijide instou ao goberno local a que  incorpore de sistemas LED para todos os semáforos, “para lograr un aforro enerxético e económico considerable”. Por elo, pediu ao goberno a substituír aquelas que aínda non foron cambiadas.

Por outra banda, o popular solicitou que o goberno municipal instale diferenciais autorremontables ou autorrearmables para minimizar as molestias naqueles casos de sobrecarga eléctrica. “Falamos de sistemas que están a proliferar e que permiten axilizar o tempo de resposta e automatizala”, explicou Ameijide, quen detallou que é neste momento cando se producen avarías de noite na rede, “por tormentas ou outros factores”, está a demorarse o tempo de resposta derivado de recibir o aviso e de localizar ao técnico de urxencia.

Por último, Ameijide tamén insistiu en reclamar o horario de funcionamento da sala de control de tráfico dado que na actualidade só presta servizo entre as 8 e as 23 horas de luns a venres e de 9 a 14 horas os sábados. “O tráfico e a seguridade non teñen horarios nin días, polo que hai que dar solución como sexa”, concluíu o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo