O GMPP critica que o goberno local fose incapaz de descontar os días de folga no recibo do lixo

O concelleiro popular Juan Carlos Plaza criticou esta mañá en rolda de prensa que “López Orozco fose incapaz en once meses de descontar os días de folga no recibo do lixo”.

O popular, que explicou que o Concello de Lugo remitiu a semana pasada os recibos da auga, lixo e sumidoiros correspondente ao primeiro trimestre do ano, destacou que non se incorporase unha redución no importe correspondente aos días nos que non se prestou servizo, tal como acordou o pleno municipal a instancias do Partido Popular o 30 de xuño de 2014.

Nesa liña, o responsable de Economía do Grupo Municipal do Partido Popular subliñou que “se en case un ano non se rebaixaron estas facturas é simplemente porque faltou vontade política no alcalde e polo seu desinterese absoluto por esta cuestión”. “Do mesmo xeito que se desentendeu de defender aos lucenses durante a folga, agora tamén se desentende de rebaixarlles os recibos”, subliñou Plaza, quen criticou que os veciños “pagamos dobremente as consecuencias: nin tivemos servizo nin temos o desconto correspondente”.

Ante esta situación, o popular acusou ao alcalde e ao seu voceiro de goberno “enredando de excusa en excusa” para ao final “deixar sen atender o que dende o primeiro momento pedimos dende o Partido Popular”. Así mesmo, subliñou que “despois de que Orozco insultara aos lucenses dicindo que a folga servira de reclamo turístico e de que o nivel de limpeza da cidade caera en picado no último mandato, que non houbera desconto é outro insulto á paciencia dos veciños”. “Todo isto tendo en conta que o dano feito á imaxe da cidade non se pode compensar”, destacou Plaza, ao tempo que lembrou que a semana pasada unha enquisa da OCU situaba a Lugo entre as dez cidades máis sucias de España.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com