" />

O GMPP esixe ao goberno que aprobe unha nova ordenanza de ruídos

A concelleira popular Isabel Devesa esixiu esta mañá en rolda de prensa ao goberno municipal “que atenda a recomendación xudicial emitida hai uns días de aprobar unha nova ordenanza de ruídos”.

A edil popular reprochou ao goberno a súa “incapacidade política” de establecer unha normativa reguladora no ámbito da contaminación acústica, o que provocou que “durante estes últimos tres anos fosen directrices xudiciais as que condicionaron eventos como o San Froilán”.

“Cando estamos a dous meses e medio da edición destas festas, parece que por cuarto ano consecutivo teremos outra vez a polémica en torno ás patronais, debido á falta de vontade dos socialistas por atallar esta cuestión, que se foi encistando co paso do tempo,”, advertiu Isabel Devesa.

Nesa liña, a responsable de Urbanismo do Grupo Municipal do Partido Popular criticou que “nestes momentos Lugo se segue rexendo por unha ordenanza do ano 1997, totalmente obsoleta e desfasada, xa que as necesidades e as circunstancias do municipio eran moi diferentes das actuais”.

Nesa liña, denunciou que “nos seus 16 anos de goberno, os socialistas foron incapaces de elaborar outra normativa”, xa que “o seu única proposta foi aprobar inicialmente en pleno o 2 de setembro de 2013 unha nova ordenanza, da que hoxe nada se sabe debido ao aluvión de críticas que recibiu por parte de hostaleiros, veciños e do GMPP,”.

A este respecto, Isabel Devesa instou o novo goberno a decidir “que fará con este asunto: ou ben segue para diante cunha proposta que non satisfai a ninguén ou ben reinicia o proceso para obter o consenso que necesita esta cuestión”.

Durante a súa comparecencia, a edil popular tamén anunciou que no pleno que se celebrará o próximo xoves 30 de xullo solicitará a elaboración dun mapa de ruídos para obter “un diagnóstico preciso” dos problemas acústicos e dos principais focos xeradores para, a partir deste documento, establecer medidas correctoras que melloren a convivencia, “tanto no que respecta a cuestións puntuais como ás permanentes”.

Por último, Isabel Devesa, quen recordou que este documento é obrigatorio para os municipios de máis de 100.000 habitantes, reclamou ao novo concelleiro de Urbanismo “altura de miras” para que recoñeza “os erros e a teimosía do goberno anterior” a este respecto. “A ordenanza de contaminación acústica serve para facer cidade, e debe ser entendida como unha ferramenta para facer un municipio mellor e para mellorar a convivencia e garantir a conciliación entre o ocio e o dereito de descanso dos veciños, en lugar de ser un instrumento exclusivamente de restricións”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo