Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O Partido Popular pechará a campaña cunha “maratón” de Castiñeira

O responsable de campaña do Partido Popular en Lugo, Antonio Ameijide, presentou hoxe en rolda de prensa os actos de peche de campaña da candidatura popular para o vindeiro venres día 22.

Nesa liña, Ameijide anunciou que “Jaime Castiñeira pechará a campaña exactamente igual que a comezou: en positivo, cunha maratón, dando a cara diante dos veciños e contestando as súas preguntas” co formato estreado a semana pasada do Castiñeira Responde. Deste xeito, os populares celebrarán un total de dez encontros espallados nun só día por todas as zonas do municipio.

Tal como informou o responsable de campaña dos populares, incorporaranse a estes espazos diferentes personalidades como o presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro, e o ex alcalde de Lugo, Joaquín García Díez. “A todos eles iremos incorporando outros nomes que daremos a coñecer nos vindeiros días”, subliñou.

Durante a súa comparecencia desta mañá, o popular valorou “moi positivamente” a acollida que os lucenses lle están a dar ao programa electoral dos populares. “Está ben claro que o equipo de Jaime Castiñeira é o único que está poñendo sobre a mesa propostas e solucións claras fronte aos que supeditan toda a súa acción aos fondos europeos e aos que din que teñen proxecto pero non os desvelan”, afirmou Antonio Ameijide, en referencia ao PSOE e ao BNG, respectivamente.

O responsable de campaña dos populares subliñou que “o noso plantexamento é dunha campaña centrada na rúa e nos veciños, con todos os candidatos e candidatas percorrendo rúas e parroquias” e transmitindo aos veciños que “a única opción dun cambio real para romper con 16 anos de orozquismo é Jaime Castiñeira”.

“Todos sabemos que López Orozco é un candidato fraude, porque ten pactada a súa saída con Gómez Besteiro para irse correndo ao día seguinte das eleccións para o Senado”, apuntou Antonio Ameijide, ao tempo que recalcou que “o que non fixo López Orozco en 16 anos dificilmente o poderá facer en 20”, polo que “quen tivo xa catro oportunidades non merece unha prórroga”.

Por último, Ameijide apuntou que “aínda que na rúa se palpan as ganas de cambio que teñen os lucenses nós seguiremos exprimindo ata o último minuto para explicar que o proxecto e o equipo de Jaime Castiñeira son o mellor para o futuro de Lugo”. “O obxectivo é que non ocorra como hai catro anos cando nos quedamos a só 400 votos de poder gobernar con maioría absoluta”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com