O GMPP pide que se suprima a recadación da plusvalía municipal

O Grupo Municipal do Partido Popular propón que se suprima a recadación da plusvalía pola transmisión de propiedades de pais a fillos ou cónxuxes. A concelleira popular Isabel Devesa, explicou que esta medida afectaría a inmobles con valor catastral inferior a 50.000 euros cando sexa vivenda habitual, non exista outra alternativa habitacional ou ben cando se trate dun negocio que supoña a única fonte de ingreso para a familia.

Esta proposta de modificar o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana coñecido como plusvalía municipal, súmase á rebaixa dun 3,3% do Imposto de Bens Imobles. No paquete de dez propostas que hoxe presentou o Grupo Popular para completar as 36 suxestións xa anunciadas en anteriores comparecencias incorpóranse outros puntos novos.

Un deles é solicitar, ademais da bonificación de obras en núcleos rurais, unha redución do 90% na licenza municipal para a instalación de pozos de auga para abastecemento ou fosas sépticas para saneamento naqueles núcleos da zona rural onde non teñan estes servizos públicos.

O Grupo Popular tamén aposta por bonificacións que fomenten a creación emprego. Ademais do 95% para licenzas de apertura por primeira vez de establecementos os populares afirman que “se queremos xerar emprego hai que dar facilidades, tamén, desde a administración local”, matizou Devesa. As dúas propostas dos populares serían por un lado “que queden exentos de pagar esta taxa cando haxa un cambio de titularidade de pais a fillos”, e por outro suxiren “que se estude a posibilidade de eximir do pago desta cota cando o cambio de titularidade non require ningún tipo de obras porque se mantén a mesma actividade xa que non hai cambios no medio físico”.

Outra suxestión que “supoñerá un alivio para as altas taxas que se pagan por facer calquera tipo de obra en Lugo sería bonificar a instalación de medios auxiliares que ocupen vía pública (colocación valas, puntais, sacos de area, colectores de obras bonificadas). O que se solicita é que teñan as mesmas rebaixas que se aplican ás obras ás que serven. (95% para colocar unha estada para tratamento de fachadas e cubertas; 95% para obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade; 95% para mellora de obras de eficiencia enerxético”.

No tocante á mellora do espazo público, proponse estudar a posibilidade de instalar terrazas pechadas e aclimatadas en espazos públicos para que estas poidan utilizarse todo o ano. “Este tipo de instalacións están prohibidas nas Ordenanzas municipais e dende o PP consideramos que estas terrazas cubertas non só contribuirían a humanizar a cidade tamén mellorarían a súa imaxe, e que todo isto repercutiría na reactivación económica con novas contraciones, máis reclamo para os turistas “.

Isabel Devesa afirmou que “se se pechan e aclimatan non supoñería unha maior ocupación da vía pública pero si se lles podería sacar un maior proveito tendo en conta a metereoloxía da nosa cidade”. A concelleira do Partido Popular tamén lembrou que outra das suas propostas é a creación dun Plan pago fácil que permita fraccionar en 10 cotas mensuais o pago dos impostos municipais de contía fixa para minimizar o impacto sobre as economías domésticas dos lucenses. A maiores desde o PP reclámase que se aprace o pago de recibos municipais para familias en precariedade económica ata que mellore a súa situación.

Outra proposta ten que ver coas taxas por prestación de determinados servizos urbanísticos. Devesa indicou que solicitarán rebaixas en distintos importes por considerar que son moi gravosos, e puxo como exemplo a petición de solicitudes de aliñación sobre terreo en zona urbana (na actualidade por 100 m 152,29 euros), os 186,89 euros que se cobran por informar sobre réximen urbanístico dun predio; ou os 206 que se abona pola certificación sobre a caducidade dá acción para reestablecer a legalidade urbanística alterada e sobre a prescrición dá acción para sancionar.

Na revisión que os populares piden que se reflexione sobre os prezos públicos pola utilización das instalacións e prestación de servizos do CEI-Nodus. Os populares afirmaron que ordenanzas como as da ORA e a dos prezos públicos pola prestación de servizos de instalacións, “non se axustan á actualidade podendo xerar unha situación de vacio legal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com