O Goberno da Deputación incorpora medidas sociais en defensa das persoas na ordenanza de recadación

O Presidente da Deputación, Darío Campos, informou sobre a nova ordenanza do servizo de recadación de impostos municipais, que elaborou e presentou ao Pleno deste mércores o Goberno Provincial para, “non só mellorar a organización desta prestación que a Deputación ofrece xa a 62 Concellos da provincia, -aos que decidiron adherirse-; senón para ofrecer facilidades aos veciños no pago dos seus impostos locais e defendelos ante posibles dificultades que poidan ter para facelo, limitando as poxas de ben inmobles”.

Campos Conde apuntou que “evidentemente, todos os cidadáns temos que pagar os nosos impostos. Pero, a diferenza doutros Executivos conservadores, nós defendemos que as institucións non están para asfixiar aos nosos veciños senón para ofrecerlles todas e cantas medidas estean ao noso alcance para cumprir coa lei. Baixo esta premisa e na aposta por unha Deputación rural, social e coas persoas, decidimos incorporar na nova ordenanza do servizo de recadación medidas en clara defensa dos novos veciños, ofrecendo facilidades no pago de impostos municipais e fixamos limitacións en canto ás posibles poxas de ben inmobles por impagos”.

Facilidades de pago
O Goberno da Deputación establece o pago fraccionado do IBI, IAE e o Imposto sobre Vehículos de tracción mecánica. No caso de ter débedas inferiores aos 3.000 euros, esta poderá pagarse en 12 meses. Se a débeda é superior aos 3.000 euros, esta poderá aboarse en 24 meses. Os cidadáns con dificultades económicas xustificadas, poderán solicitar un calendario provisional de pago. Ademais, fixa que non se esixirá un aval bancario cando a débeda non supere os 30.000 euros, límite que estaba establecido ata o de agora nos 6.000 euros, supoñendo, ademais dunha facilidade de pago, un aforro pois o aval tamén representa un novo gravame.

Limitacións para as poxas de bens inmobles
A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, aclarou durante a sesión plenaria que hai que ter en conta que nunca un Executivo progresista na Deputación executou un embargo “grazas á implicación e ao traballo constante dos profesionais do servizo provincial de Recadación; e que o organismo provincial non desahucia”.
En canto ás posibles poxas de ben inmobles por impagos, o Goberno Provincial fixa que: non se poderá proceder á poxa dunha vivenda habitual o dun inmoble no que se realicen actividades agrogandeiras cando a débeda sexa inferior aos 4.000 euros, “nunha clara defensa das persoas e do rural”, salientou a Deputada; tampouco se procederá á poxa dun ben inmoble aínda que a débeda sexa superior aos 4.000 euros cando os informes dos servizos sociais dos Concellos determinen que as persoas que acumulan estes impagos están nunha situación de precariedade ou exclusión social, “nunha clara defensa das persoas con maiores dificultades”; cando se traten de ben inmobles en xeral e as débedas sexan inferior aos 3.000 euros tampouco se procederá á poxa.

Estas débedas poderán liquidarse coas novas facilidades no pago das mesmas.

Adianto mensual de 3,3 millóns de euros
Campos Conde explicou que hoxe son 62 Concellos da provincia os que teñen delegada a recadación de impostos municipais na Deputación de Lugo. Todos agás O Incio, Negueira de Muñiz, Outeiro de Rei, Monforte de Lemos e Lugo, este último porque ten medios propios. “O constante aumento no número de municipios que se suman a este servizo dá conta da súa utilidade e beneficios para os Concellos. Unha das súas principais vantaxes é que a Deputación adianta aos municipios, de xeito mensual, a recadación de impostos anual. Durante este 2017, inxectaremos mensualmente nas arcas municipais destes 62 Concellos un total de 3,3 millóns de euros, conseguindo que os Concellos gañen liquidez”, avanzou.

Aforro de máis de 700.000 euros
Outra das medidas aplicadas polo Goberno Provincial no servizo de recadación é a redución do 3% que se lle retén aos Concellos ata o 1%. Neste senso, Campos destacou que “con isto conseguimos aforrar aos Concellos este ano máis de 700.000 euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com