" />

O goberno local busca dotar de cobertura móbil a 11 parroquias do rural en Val do Mera

O Concello de Lugo busca asinar o convenio marco con Amtega (Xunta) e a Fegamp para mellorar as liñas de telefonía móbil no rural de xeito que se poida actuar para dotar de cobertura a once parroquias en Val do Mera, agora moi deficitarias. Son, concretamente, Santa Maria Alta, Santa Marina de Torible, San Pedro de Mera, San Miguel de Bacurín, San Martiño de Poutomillos, Santiago de Prógalo, Vilachá de Mera, Santalla de Bóveda de Mera, San Vicente de O Burgo San Vicente de O Veral e San Xoán do Alto.

“Tratamos así de dar resposta ás demandas da veciñanza desta área, xa que a falta de comunicacións e dos servizos de voz e datos nas redes móbiles está a causarlles bastantes problemas”, sostivo hoxe o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, que presentou xunto cun técnico o estudo de cobertura móbil que o Concello desenvolveu nestas parroquias, “e que avalan a necesidade de adherinos a este convenio marco”.

Os obxectivos da Administración local son mellorar a calidade de vida dos habitantes desta área, que abarca o 20% da superficie do municipio, evitar o abandono das explotacións agropecuarias e aumentar a probabilidade de implantación de novas actividades que necesitan irremediablemente dispor de comunicación móbil, o que permitiría fixar poboación. Nestas parroquias contabilízanse 3.713 vivendas rústicas e 106 explotacións gandeiras. Ademais, por esta zona pasa un treito do Camiño Primitivo de Santiago, “patrimonio da humanidade e fonte de visitantes, o que fai necesario o servizo, tanto con visión turística coma de seguridade”, segundo o concelleiro.

O estudo técnico desenvolvido polo Concello de Lugo seguiu as pautas fixadas polo convenio para identificar os territorios con carencias, que se establecen segundo a cobertura que ofrecen os operadores de Vodafone, Orange e Movistar e que deben contar con vivendas. “Con que exista cobertura dun deles xa non é unha entidade obxectivo”, aclarou Miguel Fernández, que tamén explicou que se considera carencia de cobertura cando non se poden realizar chamadas de voz no exterior das vivendas. “É dicir, o convenio considera unha carencia si non se pode realizar unha chamada xusto na porta da casa, pero non o considera se non hai cobertura nun cuarto da casa porque as características construtivas de cada edificación inflúe moito na cobertura”. 

A través deste convenio, o Concello de Lugo comprométese a ceder o terreno para executar as infraestruturas de soporte ás redes de comunicación móbil no Val do Mera, e neste caso entregará unha parcela  na parroquia de Poutomillos, agora en mans da Axencia Galega De Desenvolvemento Rural (AGADER), á que se lle solicitou xa a cesión. “A parcela conta cun reemisor de televisión analóxico en desuso de conexión á rede eléctrica, mediante tendido aéreo sobre postes de formigón, con cadro en servizo, de propiedade municipal, polo que non sería necesaria a dotación orzamentaria para iso”, aseverou Miguel Fernández.

O Concello de Lugo xa presentou a solicitude para a adhesión ao convenio.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Pilar López López
    Feb 21, 2020 - 06:56 PM

    Creo que faria muita falta que se ampliase a muitas zonas de Galicia. Por Fonsagrada quedan muitós pueblos os cuales andamos buscando a cobertura.. Fora das casas xa que dentro gracias a un tl fixo…

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo