O goberno municipal respóndelle a Lugonovo que a App que solicita xa existe

O goberno municipal de Lugo informou que “xa existe dende hai dous anos unha aplicación para dispositivos móbiles (App) que permite aos lucenses comunicar calquera tipo de incidencia no equipamento urbano, polo que solicita ao grupo municipal de Lugonovo que “antes de facer propostas á lixeira, agradeceríamos se documentase sobre os servizos e recursos cos que conta a Administración local”, subliñou o concelleiro de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín.

Segundo indicou González Santín, “o Concello puxo en marcha a App que permite aos lucenses comunicar incidencias o pasado 2013 a través do servizo Liña Verde. De feito, dende a súa posta en marcha, e tal e como xa informou a entidade local, os veciños e veciñas de Lugo deron conta dunhas 180 incidencias no equipamento, das que preto do 70% foron resoltas, o que dá boa conta da eficacia desta ferramenta”.

A maiores desta aplicación móbil, o Concello, explicou o edil, “vai moito máis alá, pois dispón doutras moitas canles eficaces de comunicación coa cidadanía, a través das que poden comunicar calquera incidencia, avaría ou deficiencia que detecten na cidade”. Trátase do Servizo de Información Cidadana 010, ao que poden dirixirse por teléfono ou correo electrónico, o Buzón Cidadán, e mesmo un servizo de consultas para persoas xordas, ambos dispoñibles na páxina web do Concello (lugo.gal). Tamén o poden facer presencialmente, na Oficina de Atención Cidadá que funciona no Edificio Administrativo.

Resposta de Lugonovo

Pola súa banda, Lugonovo respondeu que eles teñen coñecemento efectivamente, de que existen estas canles de comunicación entre os cidadáns e o Concello, pero o que solicitan é unha App interactiva para que a información se transmita en dobre sentido, cidadáns – Concello, Concello – cidadáns, e poñen como exemplo, segundo explicou Santiago Fernández Rocha, “que se un cidadán denuncia que algo está estragado ou roto, o Concello devolva a información explicándolle á persoa que comunicou a incidencia que a mesma está reparada e o custo que xerou arranxala”.

O portavoz de Lugonovo continuou explicando que“o que pretende Lugonovo é concienciar á cidadanía do custo que ten para ás arcas municipais amañar os danos no mobiliario urbano, así como en calquera edificio ou propiedade municipal, porque en definitiva quen paga sons os veciños e veciñas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com