O goberno provincial aproba unha declaración institucional en prol do sector lácteo

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou que durante a Xunta de Goberno de hoxe se aprobou unha declaración institucional de apoio ao sector lácteo “pedindo solucións urxentes para rematar con esta situación de crise que vive un dos sectores máis importantes da nosa provincia”.

Nesta declaración institucional, o Goberno provincial comprométese “firmemente” coa defensa do sector lácteo e diríxese ás administracións central e autonómica ás que lle pide unha serie de actuacións para finalizar con esta situación orixinada a consecuencia da sobreprodución e dun desaxuste entre a oferta e a demanda.

En concreto, na declaracións institucional o Goberno da Deputación:

1º.- Comprométese firmemente coa defensa do sector lácteo, co dereito a producir dos e das gandeiras e coa garantía de prezos en orixe xustos, para o cal adopta posicións contundentes na consecución destes obxectivos, situándose do lado do sector produtor asumindo as súas demandas nesta crítica situación.

2º.- Insta ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado a fin de que a través de todos os mecanismos de que dispoñan apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas.

3º.- Urxe ao Goberno Galego a que realice unha campaña de inspección no ámbito das súas competencias, e instar ao Estado a que faga o propio no ámbito das súas, para perseguir e sancionar as prácticas de dumping nas grandes áreas de distribución evitando a banalización do leite e a súa utilización como elemento de reclamo mediante a súa venda a perdas.

4º.-Pide que a Xunta de Galicia e o Goberno Central teñen que facer xestións necesarias para poñer na axenda europea de inmediato o problema do sector lácteo galego co impulso de medidas concretas que adaptan a regulación do mercado europeo á realidade do sector produtivo

6º.-Colaborará na promoción e potenciación do consumo do leite de orixe 100% galego e se implique coa campaña da Xunta, Galega 100%

O Goberno provincial non foi quen de chegar a un acordo coas outras forzas políticas, PSOE e BNG, para aprobar unha declaración institucional conxunta

Na Xunta de Goberno, a presidenta da Deputación tamén explicou que “solicitamos dende o Goberno provincial a nosa adhesión á campaña Galega 100%, que está a promover a Xunta de Galicia. Dende o Goberno provincial queremos promover a marca de leite Galega 100% (selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior) na provincia e así incentivar o produto galego”.

A Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou dar inicio ás actuacións tendentes a que se leve a cabo a efectiva implantación do teletraballo no eido da Deputación de Lugo. Esta iniciativa do Goberno se dirixe principalmente aos traballadores que teñen ao seu cargo a persoas dependentes, así como aos pais e nais que, máis aló dos permisos de paternidade e maternidade, atópanse con que os seus fillos non acadaron a idade de escolaridade obrigatoria, e non teñen praza nun centro público de escolaridade infantil.

Elena Candia tamén anunciou que convocará a próxima semana unha comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Deputación e a Xunta de Galicia para actuacións de arranxo dos teitos das pallozas e de obras de saneamento e de iluminación en Piornedo.

A presidenta solicitará esta reunión xa que a Deputación de Lugo non ten acreditada a dispoñibilidade dos terreos dado que o Concello de Cervantes non remitiu á administración provincial as licencias e autorizacións obrigatorias.

Candia explica que o feito de que o Concello non envíe a documentación fai perigar que se cumpran os prazos establecidos para a xustificación das obras e ponse, polo tanto, en risco o financiamento achegado dende a Xunta de Galicia con fondos europeos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com