" />

O Goberno responde ao PP: “Carballo foi delegado da Xunta en Lugo e non moveu un dedo para acadar este centro de saúde”

O Concello de Lugo manifesta a súa sorpresa polas declaracións do PP de Lugo sobre o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, “centro que debe construír a Xunta de Galicia xa que Sanidade entra dentro das súas competencias”. Un novo centro polo que tanto o Concello como a veciñanza “veñen pelexando desde hai moito tempo” xa que o actual naceu hai 30 anos e se ubicou nas dependencias que aínda ocupa con carácter provisional.

Neste senso, o voceiro do Goberno, Miguel Fernández, lembrou que Ramón Carballo, concelleiro do PP na oposición, foi delegado da Xunta en Lugo e “non moveu nin un só dedo para acadar este centro de saúde. No canto de estar avergoñado por non ter feito nada ten a desvergoña de saír criticando cando agora o Concello consegue un compromiso do conselleiro de Sanidade”.

“E as conversas co Goberno galego se manteñen neste momento – sostén Miguel Fernández – porque é cando quedan baleiras as instalacións do colexio”.

O voceiro municipal recoméndalle, ademais, a Ramón Carballo manter un maior contacto cos “membros do seu partido que teñen responsabilidades” porque así sabería que na reunión de onte na que alcaldesa, Lara Méndez, acordou o compromiso coa Xunta, foi o propio conselleiro quen avanzou que sería a consellería a que mantería os contactos con Abanca para conseguir as parcelas do actual colexio do Sagrado Corazón.

 “O señor Carballo nin está nin se lle espera, nin está exercendo no Concello nin, polo visto, está exercendo no Parlamento, como tampouco exerceu como delegado da Xunta”, asegurou Fernández, que tamén lembrou que no 2019 se aprobou por unanimidade que o Centro de Saúde se puidese levantar nas instalacións do actual CEIP grazas a una emenda presentada polo PSdeG e non polo PP”.

“Polo menos, xa que o señor Carballo traballar non traballa, que lea as notas de prensa ou atenda nos Plenos, ou cando menos que lle pase a información algún dos outros concelleiros que cobran tamén para iso. Quedaría menos en ridículo”.


Imaxe de arquivo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo