" />

O GPPP propón divulgar as Irmandades da Fala no seu centenario

O voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, adiantou esta mañá a moción que o Grupo Popular presenta para o seu debate no pleno do próximo martes, a traveso da cal os populares propoñen que dende a administración provincial se estableza un programa de actividades propio en “homenaxe e recoñecemento ás Irmandades da Fala”, co gallo do centenario da súa fundación.

O voceiro dos populares defende a necesidade de que a Deputación de Lugo lidere esta iniciativa dada a importancia e peso que a provincia tivo dentro das Irmandades da Fala con agrupacións locais en Monforte de Lemos, Vilalba, Mondoñedo e Lugo. Asemade, moitos dos seus membros máis salientables eran lucenses. Entre estes nomes, destacan, segundo citou Armesto, Antón Vilar Ponte (Viveiro); Ramón Vilar Ponte (Viveiro); Antonio Noriega Varela (Mondoñedo) e Luís Porteiro Garea (Lugo).

O deputado provincial e voceiro dos populares no Goberno agarda que no próximo pleno se logre a unión de todas as forzas políticas na defensa desta proposta e, deste xeito, se acade un acordo unánime para que a Deputación de Lugo estableza o programa de actividades conducentes a divulgar en toda a sociedade lucense o coñecemento do “encomiable labor desta organización”.

Armesto expuxo que As Irmandades da Fala “son merecedoras do respecto e do recoñecemento de todos os lucenses pola súa contribución impagable á defensa, exaltación e fomento da lingua e da cultura galegas”, polo que, e tendo en conta o espírito inclusivo e plural das Irmandades da Fala, “unha das mellores homenaxes que se lle pode facer é o da unión de todas as forzas políticas na defensa da lingua e no impulso ao seu recoñecemento”.

A moción presentada polos populares tamén solicita instar á Xunta de Galicia a que o vindeiro ano 2016 sexa declarado oficialmente como Ano das Irmandades da Fala, en coherencia co acordo unánime do conxunto das forzas políticas aprobado no Parlamento galego, “e que asumimos como propio”, explicou Armesto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo