O Grupo Hotusa deberá readmitir a dous empregados tras despedilos pola súa filiación sindical

O Xulgado do Social nº3 de Lugo vén de condenar a H24 Reservation Services e Agate Hotels SL (do Grupo Hotusa) a readmitir de inmediato a dous traballadores aos que despediu en represalia pola súa filiación sindical e pola súa proximidade cos representantes do persoal. A xustiza considera que “non existe causa obxectiva dos despedimentos” e que o único fin do Grupo Hotusa era eliminar o persoal sindicado e máis activo, xa que ademais destes dous traballadores a empresa tamén despediu a varios delegados e outras persoas afíns á CIG.

“Para xustificar a extinción do contrato, a filial de Hotusa segue o procedemento habitual e acusa os traballadores de baixo rendemento voluntario para aplicarlles así un despedimento disciplinario”, critican dende a Confederación Intersindical de Galicia (CIG). Non obstante, nas dúas sentenzas sublíñase que “fronte ao indicio de vulneración do dereito de liberdade sindical non existe xustificación obxectiva e razoable da decisión adoptada pola empresa“. Aínda máis, nunha das resolucións xudiciais insístese no feito de que estes dous traballadores foron os únicos que “se atreveron a sentar na mesa dos representantes sindicais durante a cea de nadal” e que ambos os dous foron despedidos.

Para o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, “fica claro que a decisión de despedir a estes compañeiros forma parte da estratexia de persecución sindical iniciada pola compañía contra da CIG tras gañar as eleccións sindicais celebradas o pasado ano no centro de traballo de Chantada”. Asemade, dende a CIG advirten que “non hai que esquecer que, pouco antes de declararse o estado de alarma en marzo, a empresa aplicou despedimentos moi selectivos, xa que na meirande parte afectaron a persoas que a empresa vincula coa CIG, pero que pretendeu camuflar baixo a escusa da baixada das reservas e as cancelacións provocadas pola Covid19”.

“Tampouco cómpre perder de vista que Restel promoveu unha asemblea entre o persoal para revogar as tres delegadas da CIG, xusto o día despois de saíren elixidas”, lembran. Unha actuación que a xustiza anulou.

Neste senso, Niño lamenta que as empresas poidan “seguir aproveitándose” das facilidades introducidas pola reforma laboral para aplicar este tipo de despedimentos, “pois malia as múltiples promesas do Goberno de coalición, as reformas de 2010 e de 2012 continúan plenamente vixentes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com