" />

O lado máis escuro da industria pornográfica en Codex Cinema

A estrea de esta semana, Pleasure, de Ninja Thyberg é un contundente retrato do perverso mundo do cine para adultos.

A cineasta sueca Ninja Thyberg pasou case unha década infiltrada na industria pornográfica americana para documentarse de cara a produción dun filme sobre unha rapaza, Jessica, que pretende acadar a fama a base de explotar o seu corpo. Pleasure é o incontrolable descenso aos infernos dunha muller que se destrúe a si mesma aceptando todas as violencias e chantaxes dunha maquinaria indecente. Un filme sen censuras, sen medias tintas, que mira cara a cara a todos os excesos dun mundo hipertrofiado e machista. A cineasta contou coa complicidade de intérpretes e técnicos da industria para rodar un filme o máis realista posible desde o que facer a denuncia máis forte posible.

Inquietante e excesiva, Pleasure é unha viaxe hipnótica que retrata a industria pornográfica como algo atractivo e profesional na superficie, pero que esconde o seu lado escuro: a violación do corpo e da identidade das persoas, a sexualidade e a identidade como meros obxectos de intercambio nun mundo movido polos intereses económicos. Ao final, o filme de Ninja Thyberg parte da pornografía para facer una crítica a toda unha sociedade onde a intimidade se converteu nun obxecto de consumo de miles de usuarios. Jessica, transformada na pornstar Bella Cherry, debátese entre eliminar por completo a súa verdadeira personalidade ou manter o pouco de auténtico que queda dela, tras ser exposta a agresividade e á volatilidade do mundo da pornografía, que cada vez reclama comportamentos máis extremos.

Moitas foron as películas que trataron os excesos da industria do cine para adultos, pero poucas coa contundencia e a profundidade de Pleasure, onde precisamente o pracer mestúrase de forma directa coa violencia e a explotación dos homes e mulleres que viven presos da adicción ao sexo. Ninja Thyberg fai a súa primeira longametraxe despois dunha carreira no formato curto onde sempre exploraba os límites da sexualidade e a intimidade cando estas se proxectan na esfera pública. Despois de ser seleccionada para o festival de Cannes de 2020, que non se celebrou por culpa da pandemia, a película tivo a súa presentación oficial no festival de Sundance de 2021, un dos certames estadounidenses máis importantes, onde foi celebrada como unha das inmersións máis intelixentes e honestas na industria pornográficas.

Despois de estrear Benedetta, de Paul Verhoeven e Titane, de Julia Ducournau, Codex Cinema continúa a mostrar filmes que exploran os límites da representación do sexo e dos cambios que se produciron na nosa percepción dos xéneros nos últimos anos. En Pleasure a feminidade se transforma nun produto de consumo da sociedade patriarcal. Filmes sen concesións que van máis aló do escandaloso e provocador para converterse en profundas reflexións sobre os prexuízos sociais que nos invaden.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo