O ‘lucense’ Eduardo Fajardo

Os amigos lucenses do “lucense” Eduardo Fajardo –membros do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá- estamos de loito ao recibir a mala nova do seu pasamento en México aos 94 anos.

Fixémolo lucense converso hai dez anos cando lle rendemos homenaxe na Semana de Cine de Lugo, como actor galego, cumprindo un dos seus soños máis sentidos.

Soubemos del como galego cando homenaxeamos a Frank Braña, o actor que “morreu” máis veces no cine español, nado na fronteira entre Galicia e Asturias, aínda que el sabíase fonsagradino. Cando Frank lle contou ao seu amigo Eduardo Fajardo que na súa terra lle ían render unha homenaxe, queixóuselle Fajardo de que na Galicia do seu nacemento, non sabían del, o que a aquela altura vital -superados os oitenta anos- o entristecía.

Foi daquela cando Manuel Curiel, Director vitalicio da Semana de Cine de Lugo (leva organizadas 41 edicións) contactou con Fajardo, pasou un tempo con el no seu pobo e domicilio almeriense, e de paso que foi establecendo unha amizade forte foi construíndo o libro “EDUARDO FAJARDO; o vilán do cine español”, que publicamos na Semana que facía o número XXXI, no 2009.

Con ese motivo, Eduardo Fajardo veu a Lugo, converteuse en lucense, fíxose amigo de todos os que organizamos a Semana de Cine, e as nosas mulleres quedaron conquistadas polo conquistador Fajardo, daquela xa un avó agarimoso que conservaba todo o encanto dos seus mellores anos, avalado por un trato exquisito, un entusiasmo xuvenil e un agradecemento sen límites.

Os de Fonmiñá puxémonos en contacto co concello pontevedrés de Meis, no Salnés, que viñeron a Lugo a coñecer ao seu paisano, do que nada sabían do seu orixe galego, e nós fomos os que pedimos a Meis que o nomeara Fillo Predilecto, e cando o concello acordou esta distinción, nós, como a súa familia lucense e galega estivemos en Meis celebrando a súa felicidade e o magnífico recoñecemento do seu concello natal.

Daquela, Fajardo, retirado do traballo intenso do cine, dirixía o grupo de teatro dun centro para persoas con problemas de minusvalía, daba recitais benéficos, e gozaba de admiración e agarimo sen limites na terra andaluza que o foi todo para o cine español.

Dende aquela, seguimos recibindo amizade, cartas e chamadas de Fajardo, que moi axiña se foi a México onde estaban –vivos ou xa mortos- todos os membros da súa familia directa. E hoxe recibimos a nova do seu pasamento.

Sentimos o pesar da perda dun amigo, dun grande do cine. Pero quédanos a satisfacción inmensa de que o fixemos lucense, que en Lugo pasou días felices, e esa felicidade foi completa, total, cando Meis o fixo Fillo Predilecto.

Dende Lugo dicímoslle ata sempre ao amigo que se nos foi facer arte –teatro, cine, recitado, vida…-  a esa especial dimensión onde coidamos que todo é posible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo