" />

O maior éxito do cine francés chega a Codex Cinema

O filme Adeus, idiotas dominou as billeteiras do país galo antes e despois da pandemia grazas a unha comicidade baseada nos problemas da xente común fronte ao mundo tecnolóxico.

Albert Dupontel é un dos actores máis reputados de Francia. A súa carreira comezou na televisión e en espectáculos teatrais, ademais dos seus ácidos monólogos contra as inxustizas da sociedade gala. No cinema debutou xunto a grandes cineastas como Paul Vecchiali ou Jacques Rivette e desde finais dos anos 90 el mesmo comezou a dirixir comedias que non fan amigos, que sinalan de forma desatada e sarcástica os problemas do noso mundo, as diferencias sociais e os problemas económicos que fan máis inxusta a vida dos máis desfavorecidos. As películas de Dupontel reciben no seu país un gran apoio crítico e público.

Esto último ocorreu coa súa última película, Adeus, idiotas, un auténtico fenómeno en Francia,  símbolo da resistencia do cinema fronte a crise da Covid-19. O filme tivo que adiar a súa estrea, prevista para a primavera de 2020 ata finais de ano. En tan só nove días, o filme acadou case setecentos mil espectadores, un éxito sen precedentes en Francia, mais despois de semellante estrea, as salas francesas pecharon ata a primavera de 2021. A gran sorpresa foi que, unha vez regresou a exhibición cinematográfica, Adeus, idiotas continuou co seu paso triunfal e aínda hoxe segue en cartel, acumulando máis de dous millóns de espectadores.

Polo camiño, Dupontel conseguiu tamén arrasar nos Premios César (os Goya franceses) conseguindo sete galardóns, entre eles os de mellor película, mellor dirección e mellor guión. E non é para menos, xa que estamos ante un filme xenial sobre as contradicións da sociedade tecnolóxica onde unha muller decide dar un xiro radical á súa vida, abandonar as comodidades do seu status social e emprender unha viaxe desesperada para coñecer ao fillo que abandonou hai anos. Polo camiño desta road movie vivirá episodios cheos de humor que ao mesmo tempo reflicten problemas reais da sociedade europea, como os conflitos provocados polas diferencias xeracionais, as dificultades para acceder a informacións contrastadas no mundo virtual, a ecoloxía ou os cambios dos roles tradicionais de homes e mulleres. Un filme excepcional que chega finalmente a Lugo este próximo venres para continuar a encantar a espectadores.

Outra comedia chegada de Suíza estrea tamén en Codex Cinema este venres. Trátase de As miñas funcións secretas, de Micha Lewinsky, unha insólita obra humorística arredor das guerras de espionaxe antes da caída do muro de Berlín. Estamos en 1989, cando o mundo estaba ao borde de cambiar e o bloque comunista ía caer de forma sorprendente e dramática. Alí, Viktor, un policía é obrigado a infiltrarse nun grupo de teatro de Zurich para investigar posibles actividades ilegais. A relación de Viktor co carismático troupe de actores chegará a ser tan forte que as súas conviccións estarán divididas entre o seu deber cara o estado e o seu amor por Odile, unha das mulleres que ten que vixiar.

As miñas funcións secretas recupera o mundo da guerra fría, a loita de bloques entre os países aliñados cos Estados Unidos e os da Unión Soviética, nunha gran recreación histórica daquel momento, cun ton humorístico similar a Good-bye Lenin. Filme bondadoso, humano, sen perder unha mordaz mirada política a un tempo de cambio que marcou para sempre a historia de Europa, As miñas funcións secretas foi un dos maiores éxitos do cine suízo da última década.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo