O mestre chinés Jia Zhang-ke en Codex Cinema

Hoxe chega as pantallas dos Codex un dos cineastas máis importantes do século XXI. Jia Zhang-ke é un dos grandes referentes do cinema asiático e mundial, desde que debutara a finais dos anos 90. Primeiro como cineasta underground moi vixiado e crítico coas autoridades chinesas, fixo unha carreira a metade de camiño entre a ficción e o documental, amosando as contradicións do crecemento superlativo do xigante asiático, entre as políticas de grandes edificacións e tamén da anulación total da individualidade e da historia dese país.
O cinema de Jia Zhang-ke componse de pequenas estampas de traballadores que arrastran dramas desde o seu pasado. Dramas relacionados coa dor e o esquecemento, as rupturas familiares ou a disidencia política se filtran no discurso unificador do Partido Comunista chinés. Nos últimos anos, despois de múltiples premios internacionais e dun unánime apoio crítico, o cineasta iniciou un camiño máis enfocado ao cinema de xénero, xa recoñecido como o grande cineasta chinés da súa xeración. Sen embargo, pese a contar con máis presuposto e cunha estética máis convencionais, Jia non renuncia aos seus temas de vinganza e represión, de dramas que van da man do crecemento desmesurado dun país en plena expansión.
A cinza é o branco máis puro é unha historia de amor fatal nos baixos fondos criminais. Un drama onde se fala de forma exemplar dos problemas estruturais do gran país asiático: as diferencias sociais, a corrupción institucional, a discriminación da muller e a completa alienación dos cidadáns chineses. Este filme é un gran fresco histórico da última década, pois Jia Zhang-ke pensa os seus filmes como reflexións sobre o futuro do seu país e do mundo, e esta obra ven sendo como unha culminación das súas dúas películas anteriores, Un toque de violencia Máis alá das montañas.
Por outra banda, desde Francia chega O crente , un fascinante drama sobre os camiños da fe dun rapaz que trata de acadar de maneira obsesiva a santidade. Seguindo a senda que iniciaran grandes do cinema francés como Robert Bresson ou Maurice Pialat, o cineasta Cédric Kahn ofrece un filme sobre as relixiosidade nos nosos días, sobre os actos de fe e de como encontrar a espiritualidade nos paisaxes, nos actos cotiáns e nas relacións persoais. Kahn é desde hai anos un dos valores seguros do cinema francés, cunha recoñecida carreira de máis de vinte anos.
Compañeiro de xeración doutros vellos coñecidos de Codex Cinema como Olivier Assayas ou Claire Denis, o cinema de Kahn pode parecer de perfil máis baixo (en canto a presupostos e presenza de estrelas), pero non por iso é menos relevante ou sólido. Un cineasta a redescubrir polo público lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo