O Partido Popular de Lugo analiza a situación do transporte urbano na cidade centrada na xestión do contrato do servizo e no seu funcionamento

Segundo sinala a formación, o anuncio realizado polo voceiro do BNG e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, no pleno do 29 de decembro sobre a non prórroga do contrato coa concesionaria “produciríase nun contexto no que a empresa xa comunicara previamente a súa falta de interese en continuar co servizo”.

Os populares consideran que a decisión de non prorrogar o contrato “responde a unha situación condicionada e apuntan tamén a cambios no discurso sobre o funcionamento do servizo, pasando de destacar datos de uso a recoñecer a necesidade de reformar as liñas”.

En relación co custo do servizo, o Partido Popular indica que “o transporte urbano presenta un desequilibrio económico. Segundo os datos achegados, no ano 2024 o custo do servizo situouse arredor dos 2,7 millóns de euros, fronte a uns ingresos por billetes de aproximadamente 175.000 euros”, polo que a maior parte do financiamento procede de fondos públicos.

A formación tamén fai referencia ás incidencias recollidas na comisión de queixas, nas que se sinalan problemas como atrasos, frecuencias insuficientes, falta de información e dificultades de accesibilidade.

Ademais, apunta a que o propio Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) recolle a necesidade de introducir cambios no modelo actual, indicando que o uso do transporte público representa o 4,8 % dos desprazamentos na cidade e que a oferta “non resulta competitiva”.

Neste contexto, o Grupo Popular presentou un decálogo de medidas co obxectivo de mellorar o servizo. Entre as propostas inclúense accións relacionadas coas condicións laborais do persoal, a recuperación de liñas, a incorporación de ferramentas dixitais de información en tempo real, a mellora da accesibilidade, a implantación de novos sistemas de pago, a introdución de bonificacións para determinados colectivos e a aposta por vehículos máis sostibles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com