O Pleno pide á Xunta que asuma as residencias de maiores provinciais

Xornada de pleno na Deputación de Lugo, e día no que o Goberno formado por BNG e PSOE sacaron adiante unha moción que insta á Xunta de Galicia a asumir o financiamento das residencias de maiores provinciais así como a integralas na rede autonómica. Malia a aprobación desta moción por maioría, o Goberno non contou co apoio dos populares. 

A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia que asuma as competencias ás que está obrigada por Lei e que “lle pague o que lle debe aos veciños e veciñas da provincia” en materia de residencias. Este é o contido do acordo que sacou adiante no Pleno ordinario deste martes o Goberno provincial, que aprobou abrir un proceso de negociación coa Xunta para que asuma tanto a financiación dos Centros de Atención a Maiores da institución, como a súa inclusión na rede pública de residencias autonómicas.

A proposta recolle tamén reclamar ó Goberno galego que modifique o seu modelo macro residencial para fortalecer e consolidar unha rede galega de residencias públicas de pequeno tamaño que garanta a permanencia dos maiores no seu entorno, mellorando a atención e xerando emprego de calidade que contribúa a fixar poboación no rural.

Pola súa banda, o PP negouse a que “a Xunta asuma a súa obriga legal, recollida tanto no Estatuto de Autonomía como na Lei de Servizos Sociais, de contribuír ao financiamento dos servizos de atención ás persoas maiores na provincia”. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recalcou no debate que, por Lei, a Xunta debe “contribuír a esa gran labor da que estamos moi orgullos na Deputación” porque ata agora “non aportou nada, nin para a construción, nin para o financiamento dos centros de atención a maiores provinciais”.

“Tratar de xustificar que a Xunta colabora coas libranzas vinculadas é, ou non ter nin idea, ou ser hipócrita, porque estas son un dereito dos usuarios e usuarias, que a Xunta lles ten que dar porque non ten prazas públicas de  esidencia suficientes”.

Neste sentido, Pablo Rivera subliñou que, segundo cifras oficiais do IMSERSO, Galicia está á cola das comunidades autónomas de toda España en prazas públicas en residencias, con tan só o 41%, mentres que a media estatal é do 62%, e que existe un déficit de 14.902 prazas residenciais en Galicia para acadar a razón de 5 por cada 100 persoas maiores de 65 anos, segundo un informe da Asociación Estatal de Directivos e Xerentes dos Servizos Sociais.

Os nacionalistas, pola súa banda, secundaron esta petición compartindo o argumento de que é unha competencia de carácter autonómico.

Antes de entrar na sesión plenaria, o presidente, José Tomé, defendeu ante os medios o modelo de xeriátricos da Deputación, un modelo que, dixo, “está a funcionar, porque a Xunta non chegaba a eses concellos onde era necesario”. Neste contexto, lembrou que “no seu día” a institución provincial “tomou a decisión de cubrir ese oco” da Administración autonómica, que “ten a obriga de facelo porque así o marca o Estatuto de Autonomía.

Ademais, o presidente do Executivo reivindicou que agora a Deputación ten “máis residencias abertas na provincia que a propia Xunta de Galicia”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com