" />

O PP cre necesario flexibilizar a tramitación do Plan Único polos concellos, porque chega tarde e poden verse limitados pola crise sanitaria

O grupo provincial do PP considera que o goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, cometerá un “grave erro” se non teñen en conta as circunstancias xeradas pola crise do coronavirus e abre, como pretende, a tramitación do Plan Único nun momento totalmente inoportuno que poñerá aos concellos nunha situación moi difícil para poder superar a numerosa burocracia que precisa dito plan.

Consciente do difícil momento, “da delicada conxuntura pola que atravesa o país”, que require un “esforzo político” para “eludir polémicas e debates evitables”, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, intentou na mañá de hoxe manter unha conversa co presidente da Deputación, para expoñerlle o seu punto de vista e tratar de buscar unha solución para que a tramitación do Plan Único non constitúa unha grave dificultade para os concellos nas actuais circunstancias. A conversa non foi posible, porque, ao parecer, o presidente está de viaxe. A conversa foi coa portavoz do grupo socialista na Deputación que indicou que se manterán as previsións para sacar adiante o Plan Único.

Castiñeira di que iniciar a tramitación do citado plan cando tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia acaban establecer medidas severas para tratar de frear o contaxio do coronavirus resulta “totalmente inapropiado, inoportuno e que incluso pode xerar riscos”. Destaca así que a propia Deputación, pero fundamentalmente os concellos, “poden ver reducida a súa dispoñibilidade de persoal” e, por tanto, á súa capacidade de traballo; a tramitación do Plan Único supón para todos eles “a maior carga burocrática” en todo o ano. Puntualiza que iso é así incluso aínda que os concellos xa teñan preparados os proxectos que queren financiar con cargo a este plan.

O portavoz popular di que “o plan xa sae con retraso en relación a outros anos”. Pero xa que, “sexa polo que sexa, é así e coincide coa máis grave crise a que se enfrontou o país en moitos anos, é preciso flexibilizar as condicións para os concellos”. Por crelo así, Castiñeira anuncia que o seu grupo intentará tanto en comisión como en pleno que se introduzan os cambios oportunos para modificar as condicións nas que os concellos terán que preparar toda a documentación necesaria.

Castiñeira di que o retraso do goberno provincial en sacar o Plan Único provoca agora “présas que crearán problemas aos concellos se non tomamos medidas”, porque chega de modo “inoportuno”, por falta de control dos tempos e total inadecuación á delicada conxuntura pola que atravesa o país.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo