O PP critica os “míseros” investimentos do goberno de Lugo no rural

O concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, asegurou que durante os catro anos que Lara Méndez estivo á fronte do goberno local só destinou o 0,4% dos orzamentos municipais a mellorar as parroquias do rural, o que se traduce nunha inversión de 40 céntimos por cada 100€.

Manuel López realiza estas declaracións despois de avaliar a relación de contratos do Concello de Lugo que o goberno local remitiu ao Goberno do Estado, no que se reflicten as contratacións realizadas polos socialistas. “Falamos de datos oficiais remitidos por Lara Méndez, polo que tería que caerlle a cara de vergonza”, dixo o popular.

O concelleiro popular explicou que avaliando a situación por cada ano de mandato “vemos datos que son demoledores”. No ano 2015, o goberno de Lara Méndez realizou 8 actuacións no rural, sendo 6 delas traballos contemplados no plan de investimentos asinado polo PP e o PSOE en xuño do ano 2014. Nese ano se investiu no rural 910.995,57€, procedendo 761.787,32€ do acordo asinado co anterior alcalde, López Orozco. “De non ser por ese pacto de inversións, o rural quedaría un ano máis practicamente sen inversións”, dixo Manuel López.

Unha “triste realidade” que se confirmou no ano 2016, 365 días nos que Lara Méndez só se acordou dos veciños do rural para desbrozar camiños, como xa se denunciou en varias ocasións, “a ritmo de verbena”. Nese ano non se realizaron traballos de desbroce en todas as parroquias, e a única actuación de mellora de camiños e accesos se realizou grazas a unha inversión da Xunta”, dixo o popular.

Estes datos demostran a nula preocupación de Lara Méndez polos veciños do rural, uns datos que poderían empeorar se “quitamos” as inversións comprometidas desde o mandato anterior. Retirando os 761.787,32€ comprometidos no pacto entre PP e PSOE a inversión de Lara Méndez no rural quedaría en 927.502,3€, ou o que é o mesmo, unha inversión do 0,2% en catro anos de mandato, segundo os populares.

Para Manuel López estes datos desmontan “todas as mentiras” de Lara Méndez xa que a rexedora manexou nestes últimos catro anos 369M€, dos que so destinou ás parroquias do rural 1.698.289,68€. “Agora será ela a que terá que explica aos 10.000 veciños e veciñas das parroquias do concello os motivos de non querer investir na mellora destas zonas, xa que son lugares nos que é preciso un mantemento constante das pistas, da iluminación e que se chegue a acordos con outras administracións para poder acometer obras tan importantes como saneamento e abastecemento”, sentenciou o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com