" />

O PP critica que empresas privadas exploten bens públicos sen pagar ao Concello

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo de manifesto o amparo que o goberno de Lara Méndez presta a empresas privadas para que exploten bens públicos municipais sen contrato en vigor. Antonio Ameijide explicou que durante a comisión de economía desta mañá o goberno local tivo que respostar ás preguntas efectuadas polo Grupo Popular sobre a situación na que se atopaban o aparcadoiro público soterrado da Praza Viana do Castelo e o contrato dos Mupis.

Ás respostas ofrecidas pola concelleira de Economía, Ana Prieto, teñen un denominador común: o goberno está ao tanto de que, en ambas situacións, hai empresas lucrándose con bens públicos e o goberno socialista “non ten intención” de regularizar a situación. “Despois da comisión de hoxe a realidade amosa que o PSOE non fixo nada por garantir que os bens públicos se exploten de forma legal e pagando ao Concello”, afirmou o popular.

No referente ao aparcadoiro da Praza Viana do Castelo, o Grupo Popular realizou 12 preguntas que demostraron, segundo Antonio Ameijide, que “estábamos no certo cando dixemos que o goberno de Lara Méndez coñecía esta situación, pero nos equivocamos nos prazos”, xa que a empresa que xestiona este aparcadoiro non paga o canon estipulado desde o ano 2008. “Pensábamos que levaban oito anos sen pagar e era máis grave, levan dez”, explicou Ameijide.

Ante esta situación, o voceiro popular preguntou ao interventor municipal se esta situación era motivo de resolución de contrato, algo ao que a resposta do interventor foi afirmativa, intre no que a concelleira de Economía, Ana Prieto, corrixiu ao interventor para asegurar que “o goberno local quere regularizar a situación coa empresa”. “O que é evidente é que non teñen intención de rescindir o contrato e queren regularizar a esta empresa e que despois de 10 anos sen pagar siga á fronte da concesión”, explicou o popular.

Para Antonio Ameijide a situación é tan grave que despois de declarar a concesión fallida no ano 2011 “nin se preocuparon de comprobar que a empresa deixara de xestionar o aparcadoiro”. Pero tampouco se preocuparon de solicitar datos á empresa como o número de usuarios, os horarios de maior afluencia, o tempo medio de espera… “Os únicos datos que coñecen son que hai un traballador, 50 aboados fixos e o horario, que son os datos feitos públicos polo Partido Popular”, explicou Ameijide.

No referente ao contrato das marquesiñas de publicidade, o Grupo Popular formulou 4 preguntas, cuxas respostas “nos deixaron moi preocupados”. Antonio Ameijide denuncia que o goberno de Lara Méndez coñece o “uso irregular” dos Mupis xa que Ana Prieto afirmou estar ao tanto de que o contrato está caducado e que, desde o goberno local, seguen a enviar renovacións periódicas da publicidade do Concello, ao tempo que deixou caer toa a responsabilidade no funcionario responsable do contrato. “É inadmisible que tenten culpar a un funcionario cando foron os propios traballadores do Concello os que os alertaron do uso fraudulento das marquesiñas de publicidade”, explicou Ameijide.

Para o voceiro popular “é indignante” que o goberno de Lara Méndez  “siga sen facer nada” para devolver este contrato á legalidade mentres recoñece un “trato habitual” coa empresa. “Como Ana Prieto dixo durante a comisión agora xa non hai responsabilidades contractuais xa que o contrato caducou, agora só caben responsabilidades xurídicas”, sentenciou o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo