O Grupo Provincial do Partido Popular considera unha “desvergoña política” que Pilar García Porto aproveite a súa dobre condición de deputada provincial do PSOE e alcaldesa de Antas de Ulla para conseguir para o seu concello a colaboración económica que, segundo denuncia, PSOE e BNG lles negan sistematicamente aos demais municipios da provincia.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, censura que García Porto “pida para si o que lles nega aos demais” e que participase na aprobación dunha axuda de máis de 250.000 euros destinada a cubrir gastos ordinarios do Concello que ela mesma goberna.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o pasado venres un convenio con Antas de Ulla para financiar, entre outros conceptos, facturas de electricidade e combustible, o mantemento das piscinas municipais e mesmo o servizo de comunicación e redes sociais.
“É dunha desvergoña absoluta que, como deputada, vote en contra de que a Deputación axude por igual aos concellos e, como alcaldesa, aproveite o seu posto para conseguir máis de 250.000 euros cos que tapar os buratos da súa xestión municipal”, afirma Ameijide.
O popular considera especialmente grave que fondos pertencentes ao conxunto da provincia se utilicen para pagar gastos básicos que deberían estar previstos no orzamento municipal de Antas de Ulla. “Pretende que todos os lucenses lle paguemos desde a luz e o combustible ata as redes sociais”, critica.
“Unha dobre vara de medir ”
Ameijide denuncia que García Porto mantén unha dobre vara de medir: cando actúa como deputada provincial, apoia a negativa de PSOE e BNG a permitir que todos os concellos financien gastos correntes a través do Plan Deputación; pero, cando se trata do municipio que goberna, avala un convenio específico para sufragar precisamente ese tipo de despesas.
“Non estamos ante un simple caso de incoherencia, senón ante unha utilización partidista da Deputación”, sostén o portavoz do PP. “García Porto sabe que lles está negando aos outros 66 concellos aquilo que ela reclama e consegue para o seu. E, malia sabelo, non ten ningún reparo en aprobar a axuda”.
O acordo inclúe tamén fondos para cuestións relacionadas coa recollida de animais abandonados e co ciclo da auga. O PP lembra que propuxo que a Deputación colaborase nestas materias con todos os municipios, pero as iniciativas recibiron o voto contrario de PSOE e BNG.
“Cando o PP solicita que esta colaboración se estenda aos 67 concellos, García Porto vota en contra. Pero cando os cartos van parar ao concello do que ela é alcaldesa, entón desaparecen todos os impedimentos”, reprocha Ameijide.
O PP acusa a García Porto de trasladar aos lucenses o custo da súa “pésima xestión”
Os populares consideran que a necesidade de recorrer á Deputación para pagar electricidade, combustible e outros servizos ordinarios evidencia a “pésima xestión económica” de García Porto á fronte do Concello de Antas de Ulla.
“García Porto pretende que todos os lucenses asumamos as consecuencias da súa incapacidade para xestionar o orzamento de Antas de Ulla”, sinala. Para Ameijide, estes casos demostran que “a xestión económica do PSOE pon en perigo a estabilidade e a viabilidade dos concellos nos que goberna” Os populares culpan tamén á Presidenta de ” complice do trato de favor”
Ameijide aclara que o PP non cuestiona que a Deputación colabore economicamente con Antas de Ulla, senón que esa posibilidade non estea aberta en igualdade de condicións ao resto dos municipios.
“Se estes gastos poden financiarse en Antas de Ulla, tamén deben poder financiarse nos outros 66 concellos. O que non é admisible é que García Porto se beneficie como alcaldesa do que ela mesma rexeita como deputada”, subliña.
O Grupo Provincial Popular reclama que os criterios aplicados neste convenio se estendan ao conxunto da provincia e insiste en que a Deputación debe estar ao servizo dos 67 concellos, “non unicamente dos gobernados polos amigos de PSOE e BNG”.






