O Grupo Provincial Popular levará ao Pleno da Deputación de Lugo unha proposta en defensa do sector primario e da posta en marcha da residencia Becerreá.
O voceiro, Antonio Ameijide, insiste en defender “a igualdade nos servizos e nos prezos por praza para os usuarios de tódalas residencias da rede provincial da Deputación de Lugo”. Trala publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público da consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá sen poñer data real á licitación e apertura efectiva do centro, asegura que “nos tememos que PSOE e BNG pretendan dilatar a apertura do centro e privatizar os servizos na súa totalidade de forma que sexan os usuarios os que soporten a posta en marcha e o custe total do servizo por parte do operador”.
Así, os deputados do Partido Popular instan ao goberno provincial de PSOE e BNG a revisar a tramitación para a posta en marcha do Centro de Día e Residencial Comarcal de Becerreá no primeiro semestre do ano nas mesmas condicións que no resto das residencias da rede provincial.
“É inviable que unha poboación cunha pensión media de 1.014,99€/mes, como indica a propia Deputación na documentación encargada a unha consultora externa, poida facer fronte aos custes por praza e usuario que se plantexa no procedemento de licitación que son de 2.200€/mes para os usuarios dependentes, preto dun 60% máis que no resto dos CAM provinciais, e 1.750€/mes para os usuarios autónomos”, explicou.
Os deputados populares tamén propoñen que o Pleno da Deputación “esixa ao Goberno de España a protección do sector primario, defendendo as cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur ante posibles ameazas e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos na Unión Europea”.
Así mesmo como instar á Xunta de Galicia a “reclamar ante o Goberno central estas peticións e a seguir intensificando as medidas de apoio ao sector primario, especialmente no ámbito da sanidade animal, a prevención de enfermidades, as compensacións por perdas e o control da fauna salvaxe que afecta ás explotacións”.
Ameijide tamén subliña que “é necesario facer unha fronte común para reclamar unha nova Política Agraria Común con fondos suficientes e diferenciados, que permita asegurar as axudas directas a gandeiros e agricultores para promover a remuda xeracional e, ao mesmo tempo, asegurar un adecuado desenvolvemento rural”.






