" />

O PP de Monforte acusa a Tomé de “despreocupación absoluta” pola economía dos veciños

A voceira do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, ve “lamentable” que tanto Tomé coma Caballero intenten dar leccións a Feijóo e ao Goberno galego sobre a xestión da pandemia tendo en conta, sobre todo, “a despreocupación absoluta do goberno socialista de Monforte que preside o propio Tomé” en relación coas consecuencias económicas para os nosos veciños derivada da actual situación sanitaria. A popular sinala que “os monfortinos xa valoraron nas últimas eleccións autonómicas a xestión da pandemia feita polo Goberno do PP na Xunta”.

Varela explica que “o goberno de Tomé aínda non foi capaz de sacar axudas este ano en apoio aos sectores afectados en Monforte”; mentres que “a Xunta está a establecer medidas consensuadas cos sectores afectados e convocando axudas para axudar a paliar a crise”.

Pola contra, “en lugar de axudar aos monfortinos a saír desta crise, Tomé segue pensando en facer unha obra faraónica de case 2 millóns de euros e totalmente innecesaria: a ponte no Malecón”. A voceira popular considera que “tendo remanente suficiente nas arcas municipais, eses cartos deberían dirixirse a axudar aos nosos veciños ante esta situación excepcional”. De feito, o Grupo Municipal Popular vén de rexistrar unha moción para esixir ao goberno local do PSOE que estableza un plan de axudas directas e outras medidas fiscais para contribuír a paliar os efectos sobre a economía local das medidas para conter a pandemia da covid-19”.

Axudas directas e exención de taxas e impostos municipais

Katy Varela remarca que “outras administracións locais tamén establecen distintas fórmulas para apoiar ao seu tecido económico” e esixe ao goberno monfortino actuacións concretas co mesmo obxectivo.

A proposta concreta dos populares recolle a exención de tódolos impostos que repercuten nunha actividade económica na cidade polo menos durante o 2021: desde a taxa de terrazas ou a do lixo, ata o IBI e o IVTM sempre que estean ligados a unha actividade económica. Igualmente, o Grupo Municipal Popular propón que se volva emitir unha bolsa de axudas directas dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar as súas portas dando cumprimento á orde do 26 de xaneiro de 2021 ou para aqueles tamén afectados polas restricións sen que estas supuxeran o seu peche.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo