" />

O PP denuncia problemas de tráfico na Milagrosa pola peonalización da praza

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou esta mañá os problemas de tráfico xurdidos nesta semana na Milagrosa, derivados das obras de peonalización da praza do barrio. Para o popular, estas eivas veñen dadas pola “constante improvisación” da alcaldesa que actúa, segundo Ameijide, “ás presas ao ver as eleccións á volta da esquina”.  Antonio Ameijide afirmou que o proxecto deseñado para peonalizar a praza da Milagrosa ten varias deficiencias, como a ausencia dun estudo de tráfico xa que o peche á circulación da praza  provoca que rúas que tiñan un fluxo de tránsito secundario agora teñan que absorber un gran número de vehículos.

Neste senso, o voceiro popular pregunta á rexedora como o Concello pode pagar a unha empresa externa a redacción dun proxecto cunha eiva deste calibre. Tamén resulta “incomprensible” que nun proxecto de peonalización se poña que “a reorganización do tráfico rodado non é obxecto deste proxecto”, unha afirmación que o popular cualifica de “moi grave”.

A consecuencia de non realizar un estudo de tráfico é que “bloquean” varias veces ao día o cruce da Avenida da Coruña coa rúa Xulia Minguillón, un dos cruces máis perigosos da cidade e que agora conta cun “excesivo volume de tráfico” o que provoca “atascos interminables”. Desde o Partido Popular xa se pediu en varias ocasións regulación semafórica para este cruce, xa que desde a rúa Xulia Minguillón se poden tomar tres direccións (dereita e esquerda cara a Avenida da Coruña e de frente cara a rúa Ramiro Rueda). “Agora vese que é máis necesaria que nunca unha mellora na regulación desta zona” xa que se trata dunha rúa que non esta deseñada para absorver esta densidade de circulación nin é un cruce adecuado para canalizala.

“A alcaldesa debe pensar que poñer unhas baldosas novas na praza non ten consecuencias e non é así. Aínda que Lara Méndez non o comprenda o tráfico nunha cidade é moito máis complexo e está interconectado entre si”, afirmou Ameijide.

Liñas de bus

O popular pregunta á rexedora se agora se “tomará en serio” a reforma do transporte público xa que coa peonalización da Praza da Milagrosa se eliminan dúas paradas de bus (Rúa Mallorca e Praza da Milagrosa) polo que “coa ausencia dun plan de tráfico”, segundo os populares, o Goberno só fai que poñer “máis trabas” á mobilidade neste barrio de Lugo.

Neste mesmo senso, falaba hoxe o voceiro nacionalista no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pide ao goberno que volvan a estudar os itinerarios modificados das liñas de bus que foron cambiadas por mor destas obras na praza da Milagrosa. Segundo asegurou o voceiro nacionalista, veciños pediron a intervención dos grupos polos retrasos que acumulan as liñas ao incremetarse o seu percorrido.

Especialmente a liña 5 é a que acumula máis retrasos xa que se ampliou a redor de 1.100 metros. Esta liña de bus eliminou as paradas da rúa Mallorca e Praza da Milagrosa, procedendo á creación de dúas novas. Para a liña 5  sinalizarase unha en rúa Alfredo Vila, fronte á Praza Agro do Rolo e para a liña 1 crearase unha parada nas inmediacións da Praza Viana do Castelo, fronte a rúa Otero Besteiro. Arroxo sinalou que “a modificación suporá un incremento de 10.000 euros/ano que o concello lle pagará a maiores á empresa concesionaria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo